Tódolos setembros repítese a mesma imaxe: grupos de meniños á entrada dos colexios chorando, abrazados ás pernas dos seus pais ou avós e con mirada de desconfianza cara aos mestres, que tentan tranquilizalos e animalos a entrar na aula. Son os alumnos que inician a escolaridade en educación infantil, algúns sen ter cumpridos aínda os tres anos. Veñen da seguridade do fogar e na escola resúltalles todo estraño: grandes espazos, moitos compañeiros, falta de liberdade... Hai un período oficial de adaptación, con flexibilidade horaria ao longo duns dez días, para que se vaian adaptando á nova vida académica, pero hai nenos que tardan incluso meses en integrarse plenamente nela. Na casa dáselles o que queren, todos son mimos e non teñen que esforzarse nin someterse a ningunha orde ou disciplina. Dan moita pena cando choran ou parece que sofren e, xa que logo, váiselles proporcionando aos poucos unha excesiva protección e permisividade que ha ter consecuencias moi negativas no seu proceso de maduración.
Eses primeiros tres anos xa foron decisivos para a formación básica da súa personalidade, pero os erros cometidos aínda poden ser corrixidos se a familia inicia un proceso de colaboración coa escola e se dedica tempo e apoio aos fillos. Seguro que se a calquera pai se lle pregunta que desexa no futuro para ese meniño que está chorando á entrada da escola, contestará que sexa feliz, pero tamén que faga uns bos estudos e alcance o éxito profesional e económico. O que ao mellor non ten tan claro é que, para conseguilo, vai ter que adquirir uns hábitos de esforzo e sacrificio que requiren moita constancia e coordinación na casa, na escola e entre ámbalas dúas.
A motivación e a tolerancia ás frustracións son a base da capacidade de aprendizaxe, imprescindible para o éxito académico. Se o alumno non ten interese polo estudo e, no caso de telo, se non é capaz de disciplinarse e levar a cabo un traballo intelectual autónomo, comezará a acumular un retraso que de seguro rematará en fracaso escolar. Para evitalo hai que empezar agora, precisamente nestes días nos que chora cando ten que ir á escola. Como? Apoiándoo, pero deixando que comece a enfrontarse só á nova etapa, desenvolvendo mecanismos de defensa naturais, decisivos no seu proceso normal de maduración. Poñéndolle límites na casa a costumes arraigados, como por exemplo pasar moito tempo diante do televisor ou facer o que lle peta en cada momento. Procurando, en fin, que os familiares que viven co neno non se contradigan á hora de educalo e que subscriban o labor levado a cabo polos mestres. Non fai falta moita ciencia para comprender a grande transcendencia destas accións iniciais.
Son de sentido común e evitarán moitos desgustos posteriores e mesmo unha dilapidación de recursos públicos para tentar solucionar logo un fracaso que podía evitarse agora.
![El colegio de infantil y primaria empieza en Galicia el miércoles de la semana que viene, el día 11](https://img.lavdg.com/sc/Fqq_vmJY7T6qnjeHbizrHCeqzZE=/x75/2019/09/03/00121567521421230628314/Foto/GS3P10F3_163525.jpg)