O mellor, evitar o peor

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algo pode ir mal, irá. E normalmente no peor momento. Tal é a formulación máis popular da famosa Lei de Murphy. O escritor Piergiorgio Odifreddi (que se presenta aos seus lectores como «matemático, divulgador científico, polemista e ateo») explica no seu Diccionario de la estupidez (Malpaso) que a Lei de Murphy fora realmente formulada xa no ano 1877 por Alfred Holt, nun congreso de enxeñeiros sobre o progreso da navegación, para advertir que «na mar, todo o que poida ir mal irá mal, polo que non debe sorprendernos que os propietarios prefiran a seguridade á ciencia». Posteriormente, en 1952, o enxeñeiro aeroespacial Edward Murphy advertiu, á súa vez, que había que ter presente a peor das posibilidades cando de deseñar mísiles se trata. Foi o aeronáutico, e non o naval, o que lle deu nome ao invento.

Odifreddi advirte no seu Diccionario do feito de que a inmensa maioría das persoas consideran que hai moita estupidez, pero sempre nos demais, sendo poucas as veces que un mesmo é consciente da súa propia. Pensar así facilita que cada un conviva coa súa, pero o autor afírmao para permitir ao lector discrepar con el sobre o que é ou non é «estúpido». Este lector, por exemplo, ademais de aprender cousas, tamén aprecia algunha estupidez, e varias conclusións certeiras. Entre elas a relativa á Lei de Murphy: mentres que na súa orixe expresa o sensato consello de que hai que deseñar ou organizar (sexan mísiles ou institucións políticas) tendo sempre en conta a eventualidade de que pode acontecer o peor, na práctica tense convertido nunha predición fatalista, do tipo «se algo malo pode ocorrer, ocorrerá», fatalismo ante o que só queda renderse e esperar («tocándose as pelotas agardando a que non suceda no peor momento», escribe Odiffredi).

Non foron poucos os que lembraron a Lei de Murphy, na súa interpretación corrente, cando se soubo que definitivamente a ausencia dun acordo entre os grupos parlamentarios que impulsaron e gañaron hai un ano a moción de censura contra o Goberno liderado por Mariano Rajoy (a esquerda, os nacionalistas) provocaba a convocatoria dunhas novas eleccións xerais en España. No peor momento: tras case catro anos de Gobernos inestables e paralizados, e coa economía internacional desacelerándose e ás portas do brexit. Hai o risco, obviamente, de que moitos electores decidan pasar do asunto, dar por boa a Lei de Murphy na súa versión fatalista e non facer nada, aínda que sexa no peor momento.

Para saber que resulta mellor nestas circunstancias pódese recorrer ao propio Diccionario da estupidez. Na entrada mellor lémbrase que é estúpido buscar o mellor, porque o óptimo é inimigo do bo, para concluír, recorrendo nada menos que a Italo Calvino, que «o mellor que cabe esperar é evitar o peor»; do mesmo xeito que no que atinxe á felicidade o mellor que podemos arelar é non ser infelices.

Se alguén pensou, ou pensa, que unhas cuartas eleccións xerais en catro anos é unha manifestación da Lei de Murphy, sería bo que tivese en conta a versión orixinal, que «na mar, todo o que poida ir mal irá mal», e que pese á estupidez da situación, ou precisamente por iso, nada hai fatalmente decidido, e que serán os electores os que decidan dar prioridade á seguridade ou á ciencia. Á ciencia demoscópica, naturalmente.