Máis Galiza

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre Máis Madrid e Máis País a proposta aquí sempre sería Máis Galiza. Non si? Semella que o PP galego teno moi claro pois esa ven sendo a súa resposta electoral á aparición do novo partido de Errejón e tamén, ao xeito do PNV, fronte á «inestabilidade» madrileña. Pero á vez que di tal, subalterniza aínda máis a CRTVG inaugurando unha tertulia dende Madrid e con participantes de idem., para afianzar a «conexión madrileña». A lección que da o PP galego é interesante, pois invertendo o famoso dito atribuído aos cregos, nesta ocasión ven dicirnos: fai o que eu fago pero non fagas o que eu digo. Supoñendo que nos medios públicos galegos manden os populares que semella que si, venres incluídos.

Pero o conto esta semana vai de Errejón. Curiosa a súa irrupción. Moi agardada, algo alentada e mesmo temida. Benvida sempre porque introduce matices de pluralidade e diversidade moi necesarios no sistema político hispano. Entre os que o temían, deuse unha recepción de Errejón como traidor -como antes con Carolina Bescansa- que resulta ben reveladora do moito que a esquerda española ten aínda que aprender de democracia e pluralismo. Os voceiros de Podemos están tratando a Máis Madrid, igual e cos mesmos argumentos que hai seis anos IU os tratou a eles: pactistas, muletas do PSOE, entreguistas, traidores. Hai unha parte das esquerdas hispanas que non da abandonado o berce stalinista no que foron criadas. Só unha cultura política de tal raíz pode levar a converter sempre a discusión política en disidencia e a discrepancia en traizón. Levan así corenta anos. Son unha excepción PSOE e ERC, poden lincharse no debate interno pero non se tratan de traidores. É o que teñen os partidos lonxevos. O mesianismo deixa pouco sitio á cidadanía.

Curioso o nome escollido polos de Errejón, pero non podía ser outro para quen sae de Madrid. Non podían chamarse máis Estado porque soa ridículo e autoritario, tampouco máis España porque está monopolizado pola dereita coa súa España +. Un nome por certo que só se entende nacido dende a maioritaria dereita foral navarra. Por azares da política varias das recentes iniciativas anovadoras do sistema político estatal arrincaron en Galicia. Pablo Iglesias conta que a campaña de AGE nas galegas de 2013 abriulle os ollos sobre as posibilidades de rachar cos vellos partidos, a evidencia dun electorado que demandaba novidades e a importancia dun líder reputado coa figura de Beiras como referencia.

A base daquela forza viña da ruptura do BNG en Amio en 2012. A outra novidade durou menos, pero viña do mesmo nicho e alguén copiou o nome e a idea en Madrid hai uns meses. Chamábase Máis Galiza (antes + BNG) e conformouse despois da fin do bipartito como corrente interna do Bloque. Foi o núcleo dunha proposta ambiciosa do nacionalismo democrático de esquerdas en Galicia e foise esfarelando en sucesivas saídas despois da ruptura de Amio até desaparecer. A falta de decisión e o temor dalgúns a ser alcumados de traizón acabou con aquela interesante opción. Errejón e os seus non tiveron ese medo. Tempos e culturas políticas diferentes explican resultados diferentes. Haberá aínda sitio para Máis Galiza hoxe aquí?