Iñaki Williams é un xogador da canteira do Athletic de Bilbao que hai pouco acadou titulares non polos seus golazos, senón porque explicou que súa nai, de Ghana, saltou o valado de Melilla cando estaba embarazada para poder fuxir da miseria e poderlle dar, a el, unha oportunidade. A outra opción, por certo, era a morte. Así que saltou. Como saltarías ti ou eu. Entrou, polo tanto, ilegal. Coma tanta xente. Esas persoas que, segundo Vox e algúns francotiradores dialécticos, entran en España para roubar, delinquir e vivir de clocló.
El, de orixe tan humilde e traumática, é agora un exemplo a seguir. A rapazada de Bilbo canta as súas xestas e os rudos vascos de txapela calada choran de emoción cando el, canteirán, vasco, e negro coma súa nai, manda o balón ao fondo da rede contraria.
Podemos maxinar o medo. Podemos sentir a anguria desa muller afouta. Pero cruza o deserto por darlle, a ese que leva dentro, un futuro. Por que o conta agora? Porque tivo ocasión de viaxar con ela a Dubái. E cando a nai viu ese deserto infindo non puido evitar chorar lembrando a epopea que tivo que padecer. «No se lo deseo a nadie», di o futbolista, consciente, coma a boa xente, das súas orixes e de onde vén.
Eu, ao ler esta historia, traio á mente a todos eses políticos que, tan alegres, poñen fronteiras ao mar, falan da «invasión por Melilla» que ao parecer estamos sufrindo, e que son quen de durmir tan panchos sabendo que millóns de seres humanos están condenados á morte polo noso desleixo e falta de interese real en solucionar(lles) as cousas.
Escoito a Espinosa de los Monteros (ese que soltou iso -que ademais é mentira- de que matan máis as nais aos fillos que os homes ás mulleres, e que iso era «violencia feminista») falar de que o Goberno español ten unha política que fomenta o «efecto chamada». Á parte de que non hai tal efecto chamada, o certo é que a política do Goberno español, como en xeral a de todos os países da Unión Europea, é altamente restritiva se temos en conta a dimensión da traxedia humanitaria da que estamos falando. O que hai que facer é pensar e analizar en serio. Por que foxen? Sobre todo da guerra. E quen vende as armas para esas guerras? Nós. É así de simple. Nós vendemos as armas. Eles mátanse. A poboación civil escapa. E as embarazadas cruzan o deserto e saltan os valados.
Oxalá Iñaki Williams sexa chamado á selección de fútbol. Oxalá meta un gol que lle dea o triunfo a España. Quero escoitar, ese día, a Espinosa de los Monteros.