Tope de vía

Pedro Puy
Pedro Puy A FAVOR

OPINIÓN

27 oct 2019 . Actualizado a las 08:57 h.

Non chaman a atención e son pouco sofisticados. Algúns non pasan de ser unha pía de travesas vellas; aínda que os máis habituais son de formigón e ferro. Só se mencionan cando algún convoi se estrela contra eles. Pero, por moito que se modernicen os sistemas ferroviarios, os topes de vía seguen sendo imprescindibles para a seguridade no transporte de persoas e mercancías e para minimizar os danos nos accidentes.

Ao igual que no ferroviario, nos sofisticados sistemas constitucionais de natureza federal os topes de vía son imprescindibles para protexer á sociedade do esfarelamento da súa orde democrática. Na nosa Constitución, son moitos e sofisticados os controis xurídicos que regulan a circulación dentro das normas dos órganos das comunidades autónomas: o Tribunal Constitucional, a xurisdición contencioso-administrativa, o Tribunal de Contas e o propio Goberno da nación obrigan a parar, frear ou cambiar de vía para garantir a orde constitucional. Mais ante situacións excepcionais, cando todos eses controis fallan, só queda o tope de vía: o artigo 155.

As excepcionais circunstancias protagonizadas polo independentismo gobernante en Cataluña no 2017, cando moitos falaban de «choque de trens» e algúns entendiamos que só ía chocar un tren contra o muro do Estado, levaron á primeira aplicación completa do 155. O Goberno de Mariano Rajoy requiriu á Generalitat para que restablecese a orde constitucional reiteradamente vulnerada polo Goberno e o Parlamento de Cataluña; as autoridades catalás non responderon ao requirimento, e consecuentemente o Senado aprobou o exercicio da coerción sobre os poderes executivo e lexislativo de Cataluña. Houbo quen a considerou inconstitucional: senllos recursos de Podemos e do Parlamento de Cataluña, xa sentenciados, permitiron ao Tribunal Constitucional avalar a actuación do Goberno de Rajoy, e con iso precisar a natureza e o alcance do 155. Moi en síntese: é un recurso extraordinario, para remediar actos ou disposicións específicas que atentan contra o interese xeral, dirixido a restablecer o normal funcionamento das institucións autonómicas, que non pode ser indefinido no tempo e que só se pode aplicar cando todos os demais controis teñen fallado.

Hoxe, só unha vez esgotadas as demais vías de restitución da legalidade constitucional (e hai moitas, como Pablo Casado está a sinalar), cómpre recorrer ao tope. Enfrontarse ao tren nacionalpopulista catalán lanzando en dirección contraria outro tren semellantemente nacionalpopulista, lonxe de minimizar o problema, podería resultar fatal. Sería bo non chegar a ter que aplicar o 155. Hoxe, lamentablemente, chama moito a atención pese a ser pouco sofisticado. Pero é un tope que funciona, e que volvería funcionar.