O «big brother» chinés

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

29 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A intelixencia artificial (IA) nunca vai substituír a humana, da cal depende, mais progresa arreo. Os Estados Unidos, a China e a Unión Europea teiman na investigación dela por distintas razóns: principalmente, os EE.UU. procuran solucións de IA para problemas tecnolóxicos e comerciais; a China, para o control da sociedade; a UE, para a saúde e a «socio-economía 4.0».

O uso de datos masivos coa IA levanta sospeitas sobre grandes empresas dos EE.UU. e sobre o Goberno da China. Nos EE.UU. os poderes lexislativo e xudicial vixían a ética de compañías e administracións. Na China o executivo actúa sen contar cos outros poderes. Na UE rexen criterios éticos (por exemplo, en recursos humanos e medicina) que mesmo retrasan a expansión da intelixencia artificial.

Fronte ás administracións dos Estados Unidos e da Unión Europea, o Goberno da China actúa coma un big brother que non daría imaxinado o grande George Orwell, pois nos seus tempos nin se albiscaba a intelixencia artificial. Ese executivo procesa big data de cada persoa para predicir a evolución do seu pensamento: en xeral observa posibles tendencias á crítica do réxime; e, canto á xente nova, sérvelle para impedir que sospeitosos de disidencia futura accedan á formación superior.

Esperemos que no noso continente a humanidade e a decencia continúen a reinar sobre a IA.