Agora que imos cara a un 20-N en que proliferarán franquistas e negacionistas crecidos trala atención da campaña electoral e reafirmados na súa presenza parlamentaria, repuntan as estupideces que relativizan a ditadura. Un exemplo: en San Simón, cedida a unha empresa, case se celebra unha festa de Samaín na que meigas, demos e esqueletos non ían invocar precisamente os espíritos dos que foron torturados e asasinados no campo de concentración que foi a illa entre 1936 e 1943.
En realidade, estes lodos veñen de certos pos que sementou a Xunta desde que se fixo cargo da illa, e que, con esta teima nosa de mirar para outro lado, alimentamos case todos, agás os colectivos a prol da memoria, que sempre reclamaron San Simón como lugar para a restauración da dignidade das vítimas. Entre tanto, e xa sei que unha certa intelligentsia me crucificará por escribir isto, accedemos a realizar alí campamentos e festivais de música, entregas de premios, simposios e encontros artísticos, eventos en que adoitaba faltar unha reivindicación da illa como espazo dignificador.
Neste país que silenciou voluntariamente durante décadas o realmente acontecido durante a ditadura, a aprendizaxe sobre a memoria non se deposita por ciencia infusa sobre as persoas vestidas de festa que acudían ás actividades culturais en San Simón. Unha explicación, unha lembranza, algo!, é requirido cando se trata de recuperar unha Historia non contada. Sei que non é comparábel a unha esmorga de Samaín, pero chegariamos a esta ofensa se, hai anos, désemos a lección esperábel de artistas e intelectuais a quen toma a decisión de soterrar entre celebracións o que foi realmente San Simón?