Un mínimo acordo

OPINIÓN

25 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Faría ben o PP se fixese un esforzo por deixar as proclamas incendiarias sobre Cataluña, os independentistas e os que «queren desfacer España» e destinase parello esforzo a un obxectivo urxente: facer causa común coas demais forzas democráticas, coa única exclusión de Vox. Ese entendemento, e non o que quixeran certos baróns e semellantes, é o que verdadeiramente tería sentido se fose certo o patriotismo que tanto cacarexan uns e outros, porque a situación do país parece esixilo: os problemas internos, e as dificultades externas, son ben coñecidos. Só así se podería facer unha política de longo alcance e garantir o futuro da democracia deste país, hoxe ameazada dende dentro e dende fóra. Esa actitude, ademais, podería supoñer para o PP unha maneira de emanciparse de Vox, algo que, é de supoñer, estará nos seus obxectivos, no suposto de que teñan claro o que é evidente: que contribuíron a crear e a soster ese monstro e que hora vai sendo de fuxir das súas gadoupas. Aproveitarán a ocasión? O que é absurdo, e pouco patriótico, é estragar o tempo en pedir a dimisión de Sánchez, en suxerir pactos escuros cos nacionalistas, cando están sostendo, branqueando e alentando unha opción claramente neofascista e botando gasolina aos problemas do país, no canto de darlle sosego e contribuír civilizadamente ao seu goberno. Esa tamén é unha maneira, pero civilizada, de facer oposición: influír nas decisións do Goberno, non facer do Parlamento un circo. Xa sabemos que isto non vai ser así, que se irá ao máis fácil, que se perderá o tempo na fogaxe da verborrea incendiaria, que as tirapuxas ocas ocuparán o lugar do bo siso e da razón. Hai patriotismos que son merecentes de moi pouco respecto.