Marianela, a boticaria do Gaiás

OPINIÓN

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha botica na Cidade da Cultura? Non, non está previsto abrir alí unha oficina farmacéutica; é so unha licenza literaria para falar dunha persoa homenaxeada na celebración da Inmaculada, patroa da Farmacia. Non adoito acudir a estas celebracións gremiais, entre lúdicas e gastronómicas, ás que son convocado como membro do colexio farmacéutico coruñés, pero nesta ocasión decidín acudir, co aliciente -ingrato polo dispendio e a desmesura- de coñecer a Cidade da Cultura de Galicia.

Un colorido cartel -en perfecto español, que unha cousa é gozar da cultura de Galicia e outra caer en aldeanismos- que non desgustaría a Okuda San Miguel, o muralista español máis recoñecido, presidía o acto, no que interveu o presidente do colexio coruñés, Héctor Castro, que coa precisión dun cirurxián e a claridade dun guía da catedral compostelá, debullou os retos actuais da profesión. Nestes eventos é xa tradición a entrega de insignias colexiais ás persoas que levan inscritas 25 e 50 anos na corporación provincial, nas categorías de prata e ouro. Descoñecía eu que nesta ocasión acudiría unha boticaria ferrolá, colexiada en 1944, hai 75 anos!, á que se lle impuxo a primeira insignia de ouro e brillantes para recoñecer a súa dilatadísima traxectoria.

Tratábase de Marianela Fernández Calvete, que subiu ao estrado con decisión e case sen apoios, lucindo con primor as súas 97 primaveras, e cuxa voz non puidemos escoitar dada a rixidez protocolaria. Chegou a este mundo en 1922 en Cariño, daquela o porto do concello de Ortigueira; na inmediata posguerra, Marianela (ou Pilar, o seu segundo nome, influencia aragonesa da súa nai, Gregoria Calvete Beltrán, mestra nacida en Zaragoza, da que quedaría orfa aos 7 anos) estudou Farmacia en Santiago, no vello pazo de Fonseca. Eran escasas as mulleres nas aulas universitarias naquela época, pero Marianela estudou alí con naturalidade. Desempeñou a súa profesión en Arteixo e logo en Ferrol, case 20 anos en cada localidade, contemplando como as fórmulas maxistrais, signo da identidade farmacéutica, perdían a batalla diante dos medicamentos producidos industrialmente.

Marianela foi un exemplo, sen estridencias, para as súas tres irmás -Alicia, Gloria e Gregoria- tamén universitarias a finais dos anos corenta; as dúas primeiras completaron Medicina, especializáronse en Estomatoloxía en Madrid e foron das primeiras dentistas galegas. Rara avis esta familia! Catro fillas e catro universitarias! Pero non tan raro se se coñecese ao seu pai, Horacio Fernández, un admirable mestre ortigueirés, renovador das técnicas pedagóxicas, que soubo canalizar a educación das súas fillas.

Nestes tempos de banalidades e (in-)competencias entre cidades por ter o lucerío de Nadal máis ostentoso, o noso aplauso e agarimo vai para o exemplo desta muller, que en adiante será Marianela, a boticaria do Gaiás. Por certo, é a miña tía.