Máis acougo e máis sosego

OPINIÓN

Alberto Estévez

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Provocar unha histeria colectiva, neste país tan diferente, custa moi pouco traballo: propoñamos un relator para intervir nunha conversacións políticas ou suxiramos unha mesa de partidos aos mesmos fins, e terémola armada: humillación ao Estado, traizón a non sei que nin a non sei quen. Ou sexa, todo un rebumbio.

Unha mesa para o diálogo de igual a igual é o máis normal, tanto que está legalmente prevista no Estatut e xa se ten feito uso dela antes de agora. Que se saiba, nunca ninguén se asustou por semellante cousa, agás eses agoireiros que, por unha banda, sosteñen que a previsible coalición de esquerdas vai fracasar, antes de se ter constituído, e, por outra, que non suxiren outra solución que pau si diálogo non. ¿Pero alguén sabe para que serviu deica agora o pau? Claro que si, para que todo vai a peor.

Un país que, en cuestións políticas, elixe o pau e non o diálogo ten algún problema -ou pode que máis de un- para tanta singularidade. Porque se trata dunha singularidade cuarteleira, herdeira ou continuación de moitos anos illados do mundo civilizado. Por iso nos semella anómalo o que nese mundo é o máis lóxico e natural.

Inseguridade, medos irracionais de que teñen falado algúns autores, unha absurda inclinación por unha tutela sen razóns que a xustifiquen, de que temos falado nós, son cuestións que actúan a maneira de pexas que coutan o que non pode ser máis ca normalidade nun país normal.

En Suíza, por exemplo, recórrese ao referendo cando algunha decisión pode afectar ao ben común, dende a trazado dun camiño a permitir ou refugar a construción de templos de certas confesións relixiosas. E fano con acougo e sosego, sen histerismos, sen alporizarse, como xente civilizada que son.