Unha proposta para o 2021

OPINIÓN

denis f

07 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ano Santo 2021 e o Xacobeo están ás portas. Quero imaxinar o acto de peche da Porta Santa o 30 de decembro compartindo a ledicia do traballo ben feito. Nesa tarde fría debería emerxer o desexo da próxima convocatoria do 2027, pensando que os que nos visitaron van ser os mellores comunicadores e mensaxeiros.

Que nos saia ben desde o inicio cun solemne acto de apertura dun xubileu que supón renovación, integración, alegría. Abrirase unha catedral restaurada e rehabilitada. E non só a basílica, senón tamén as prazas que a rodean, onde han de se conciliar as asistencias masivas, a seguridade, a atención especial aos peregrinos, o turismo, a liturxia, a festa, todo canto esixe unha coordinación excepcional.

Creo que o Xacobeo 2021 ten que ser algo máis ca promoción turística e actividade cultural. Quizais a protohistoria de Europa emanou dos camiños de Santiago, aínda que non o dixera Goethe. Os peregrinos que veñen desde o veciño Portugal e a distante Escandinavia, ou pasando polas Illas Británicas que se nos van da Unión pero seguirán vinculadas polo camiño marítimo que entra polos portos de Ferrol e A Coruña, ou os que sigan a Via Francigena que ganduxa todo o continente, forman parte da base da nosa identidade máis galega e máis europea.

Europa e a Unión Europea foron, e son, a mellor operación política e cultural que se fixo na historia mundial contemporánea, desenvolta en gobernos de concentración con resultados moi salientables para a transformación e o equilibrio entre os países; que llo conten a Galicia a nivel de investimentos.

Pero a sociedade cambiou moito, quizais sen darnos conta, e a crise axudou. Aquela Europa en paz que naceu de dúas cruentas guerras, que aprendeu a combinar mercado e solidariedade enlazados pola cultura, está a cambiar. Agora cobran predicamento opcións políticas con posturas extremas que queren introducir o medo e a exclusión.

Por que non promover desde Compostela unha nova filosofía política para a Europa do século XXI? O presidente do Goberno, o presidente da Xunta, o alcalde de Santiago e o alto representante de Asuntos Exteriores da UE, que tantos vínculos ten con Galicia e Santiago, poderían impulsar ao longo do ano uns encontros abertos con intelectuais, políticos e representantes da cidadanía para visualizar o horizonte ontolóxico, social, económico e cultural dunha Europa que sexa garante da maior razón e dunha paz sólida.