Alfonso Guerra e a Constitución

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO PAIXASES E PALABRAS CARTAS AL DIRECTOR

OPINIÓN

siro

07 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Guerra arremete en libros, conferencias e coloquios contra os transgresores e detractores da Constitución, aprobada en 1978 por case o 90% da cidadanía; e faino a peito descuberto, sen temor ás consecuencias.

No encontro promovido recentemente por unha firma de avogados, ao trataren da Lei de Violencia de Xénero, Guerra calificouna de anticonstitucional e revelou que fora aprobada polo Tribunal Constitucional por mor das fortísimas presións a que se vira sometido. Días despois, Amparo Rubiales, dirixente histórica do PSOE andaluz, desafogábase en Twitter: «Me parece terrible que este tipo siga siendo militante del PSOE. Es igual que Ortega Smith». O pasado sábado, un amigo avogado, políticamente nas antípodas de Ortega Smith e defensor nos tribunais de mulleres maltratadas, dicíame exactamente o mesmo que Alfonso Guerra. Iso si, en voz baixiña e ollando a un lado e outro para comprobar que ninguén o escoitaba.

Aos que piden indulto para os condenados no xuízo do procés, Guerra recórdalles que por faceren o mesmo, en 1934, o president Companys e os seus consellers foran condenados a 30 anos; e pregúntalles se para amañaren as cousas «polas boas», indultarían, en 1981, aos condenados no 23F. A comparación deparoulle máis odio do independentismo.

Que a Constitución é hoxe papel mollado para boa parte da clase política, viuse no Congreso, o pasado día 2, nas fórmulas de acatamento dos parlamentarios, que Fernando Ónega calificou, neste xornal, de «cachondeo». Tanto, que el botou de menos un xuramento dos parlamentarios de Lugo polo AVE, o lacón con grelos ou o San Froilán. Despois contou que, ao xuraren os 52 membros de Vox «Por España», a apelación, «suscitó risas, sonrisas y a punto estuvo de provocar alguna carcajada».

A Guerra non lle estrañarían as risas porque leva anos afirmando que o concepto de España está en crise na xente de esquerda. Comprensible, di, na nosa xeración, que viu como a ditadura se apropiaba das ideas de España e de patria, e os enfrontados ao Réxime eramos antiespañois e antipatriotas.

É certo. Eu vivín moito tempo a contradición de estar en Salamanca, Toledo, Córdoba, Granada… coa emoción de que aquilo era tamén «un pouco meu», e non poder sentirme español, nin pronunciar a palabra «España». Aínda hoxe a miña voz sóame rara cando o fago.

O que a Guerra lle resulta incomprensible é a falta de patriotismo nos novos, nados en democracia; que actúan baixo o síndrome de Adán, dispostos a refacelo todo porque nada do anterior vale. Nin a Transición, por ser unha traizón ao pobo, materializada na Lei de Amnistía; nin a Constitución, que naceu viciada por unha Transición dolosa.

Guerra recórdalles que o lema máis repetido nas mobilizacións contra o Réxime era «Libertad, amnistía y estatuto de autonomía»; polo que a Lei de Amnistía foi iniciativa da esquerda e tivo os votos de todos os partidos no Congreso, agás a Alianza Popular de Fraga e os sete magníficos do franquismo. E que a Constitución se fixo por consenso, con xenerosas renuncias de todos, en procura da concordia, despois da traxedia da Guerra Civil.

Quizais Alfonso Guerra, paladín da Constitución, clama no deserto; pero eu abro hoxe o seu último libro e, malia as discrepancias, léoo con respecto.