Degradación da convivencia

OPINIÓN

09 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A mala política, pola súa visibilidade, pola facilidade con que chega á sociedade e, tamén, pola maneira en que o fai, case sempre con paixón cando non con visceralidade, non hai dúbida, ao meu ver, de que esta sendo hoxe un dos elementos que máis axudan á crecente degradación da convivencia.

 A xente pode esperar que os políticos xestionen os conflitos, pero non que só estean para crealos, que é o que ocorre coa mala política. E mala política é case toda a que temos que padecer hoxe, dende a que sae da Casa Branca ata calquera outra parte, case sen excepción. Está moi xustificada a xeneral opinión de que un dos nosos principais problemas son os nosos políticos, como as sondaxes veñen acreditando.

Nesas circunstancias, non hai maneira de que a sociedade confíe nos seus representantes. O cal é moi grave, como xa sinalara Tage Erlander: «Ou se confía, ou non hai empeño humano que mereza a pena». Porque, como tamén deixou exposto, «sen verdade non hai xogo limpo e sen xogo limpo non pode haber confianza».

A mala política, ademais, crea escepticismo na sociedade. E, como é sabido, é moi fácil pasar do escepticismo á frustración. E esta pode dar orixe á sensación de fracaso social. Nunha sociedade que teña a sensación de fracaso social está aberta a posibilidade da degradación da convivencia, dende as camadas máis baixas da sociedade ata os cumios do mundo da cultura.

Escepticismo, frustración, degradación... é algo contra o que unha boa política tería que loitar. Só é unha boa política aquela que é capaz de crear esperanzas reais, de ofrecer un proxecto en que a maioría crea e que sexa capaz de crear ilusións por melloras que sabe posibles. Infelizmente, iso é xusto o que, no medio de tanto rebumbio oco, non vemos por ningures.