![](https://img.lavdg.com/sc/O-kcTeReSB62hZWb3_frXliJOuE=/480x/2019/12/26/00121577382722065795920/Foto/GD27P11F1_185118.jpg)
Como en tantas outras cousas, temos pasado no noso país dun extremo a outro. Antes apenas se denunciaba o abuso, que era como lle chamabamos, e a vítima tiña que defenderse como podía ou sufrir o maltrato. Hoxe a acusación tense convertido en hábito e, xa que logo, abondan as calumnias. Para que haxa acoso, ou bullying como din os ingleses, teñen que darse unha serie de características moi definidas: desequilibrio de forzas, regularidade, intencionalidade, etcétera. Por suposto que cando estamos diante dun caso así, hai que actuar con rapidez e contundencia, aplicando as medidas que contempla a vixente normativa.
Na miña recente experiencia profesional vivín as dúas caras da moeda. Un rapaz denunciou maltrato chamando ao teléfono de atención a vítimas de acoso escolar, sen coñecemento previo da familia nin mesmo do centro educativo. Púxose en marcha o protocolo establecido, co nomeamento inmediato de dúas persoas: a responsable de atención e apoio á presunta vítima e a das pescudas previas. Fixéronse comunicacións, reunións, entrevistas, actas, propostas, informes... que supuxeron preto de cincuenta documentos, reclamados mesmo pola Alta Inspección do Estado, pois o referido teléfono é de ámbito nacional. Moitas horas de traballo de profesionais dentro e fóra do centro docente, para concluír, con rotundidade, que non houbo acoso escolar. Demostrouse que os supostos empurróns, miradas rancorosas ou insultos eran recíprocos e estaban enmarcados nos xogos dos rapaces. O denunciante carecía de habilidades sociais, de capacidade para xestionar os conflitos e de confianza en si mesmo.
O segundo caso, non obstante, si foi acoso escolar. Unha rapaza da ESO recibía maltrato constante dun compañeiro, tanto verbal como incluso físico. Ela calaba por medo a que non lle creran, pero a tensión acabou estoupando e os pais denunciaron. Demostrouse que reunía tódalas características propias dun acoso e o alumno denunciado, previo expediente disciplinario, foi cambiado de centro educativo.
Hai que combater as acusacións falsas, polo moito dano que poden facer e pola perda de tempo e recursos que ocasionan. Resulta esencial a prevención, para impedir o nacemento, tanto de acosador como de acosado. E debe nacer na familia, evitando a excesiva protección aos fillos, porque acaban sendo persoas inseguras e dependentes. Establecer límites, nun marco de comunicación aberta e de boa educación emocional, e sobre todo manter una estreita colaboración co centro escolar, que é onde se van a detectar a maioría dos casos de acoso.