A revista Science vén de escoller o que considera o fito científico máis importante do 2019: a consecución da primeira imaxe dun burato negro. Á parte dese, selecciona outros 9 de extraordinaria relevancia: 1. A comprensión do que pasou xusto despois do impacto do asteroide que, caído en México hai 66 millóns de anos, extinguiu aos dinosauros. 2. A reconstrución do aspecto que tiña unha especie de homínido (chamado denisovano), que se extinguiu hai 50.000 anos. 3. A síntese de dous medicamentos que conseguen que case o 70 % dos enfermos de ébola sobrevivan. 4. A creación dun computador cuántico que, por primeira vez, supera nunha tarefa a un computador clásico. 5. Atopouse a que parece ser a orixe das células eucariotas (as que compoñen aos animais e plantas); un descubrimento que, de confirmarse, levaría a unha revolución no xeito de clasificar taxonomicamente os seres vivos. 6. A sonda New Horizons chegou ao que é o obxecto celeste máis lonxano xamais explorado polo ser humano, a 6600 millóns de quilómetros da Terra. 7. Viu a luz verde un medicamento (baseado en investigación xenética) para tratar a fibrose quística. 8. Creouse un suplemento dietético de baixo custo e fácil obtención que estimula o crecemento da microbiota intestinal, clave para o tratamento de problemas en zonas de malnutrición masiva no terceiro mundo. 9. A intelixencia artificial deu un novo paso simbólico, cun programa que foi capaz de derrotar a varios dos mellores xogadores de póker de todo o mundo.
Ser consciente dos avances da ciencia ano a ano axuda a ser máis optimista ante o futuro.