Toda democracia representativa necesita dun goberno. Tras varios meses cun Goberno en funcións, hai que poñer a funcionar a lexislatura, porque o escenario de terceiras eleccións non garantiría un resultado que permitise construír maiorías claras. O xogo da repetición electoral, polo que apostaron Feijoo e Vox, non traería nada bo.
Formar Goberno e evitar novas eleccións é xa positivo en si mesmo. E, co resultado das urnas, só o PSOE está en condicións de encabezalo. Ademais, a coalición progresista liderada polo PSOE implica unha barreira contra o populismo dunha ultradereita que en democracias experimentadas tamén tería enfronte a liberais e conservadores. A coalición progresista implica a defensa das liberdades, dos dereitos sociais e do Estado autonómico fronte ao ideario das dereitas, cada vez máis orientado pola extrema dereita. De feito, o 55 % dos galegos votamos en abril e novembro polas forzas de progreso, e só o 44 % por PP, Vox e Cs.
O Goberno progresista vai desenvolver a axenda social, prioritaria para unha Galicia con salarios e pensións máis baixas. Seguiremos subindo as pensións, o salario mínimo e o soldo dos empregados públicos, e continuaremos cun novo estatuto dos traballadores, suprimindo copagamentos farmacéuticos, con máis gasto educativo, baixando o IVE á hixiene feminina, con máis dereitos de paternidade... Un Goberno, pois, para a cidadanía.
O Goberno presidido por Pedro Sánchez vai abordar tamén cuestións propias de Galicia que Rajoy e Feijoo non resolveron. En materia de infraestruturas, tren, autoestradas, corredor. O PSOE desbloqueara xa o debate da transferencia da AP-9, pero as eleccións de abril interromperon o proceso. Agora é tempo de avanzar no traspaso e aplicar rebaixas nas peaxes. Se Aznar prorrogou ata 2048 a concesión desta autoestrada e Ana Pastor aprobou sucesivos aumentos será o Goberno progresista o que mude a situación.
Tamén a herdanza industrial que deixan os conservadores é nefasta. Nunca fixeron un estatuto para as electrointensivas, nin planificaron unha transición ecolóxica xusta, tarefas nas que traballa o Goberno en funcións e nas que seguirá no vindeiro mandato.
O PSOE é un partido constitucionalista, que defende o Estado de dereito, e que está disposto ao diálogo dentro do marco constitucional. Gobernaremos con acordos progresistas estables, desbloqueando a situación cun proxecto coherente co noso programa electoral, apoiado pola maioría en España e en Galicia. Enfronte, a dereita perdeu a centralidade e parece disposta a competir coa ultradereita polo discurso máis reaccionario. Equivócanse. Nós, a gobernar.