Paixón e razón dun alcalde

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Sé Velha de Coimbra.
Sé Velha de Coimbra. Xerardo Estévez

05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña desexo de volver a Coimbra e comprobar a continuidade dos procesos de reforma e rehabilitación urbana que coñecera hai 25 anos, cando se irmandara con Compostela. Non o dubidei cando souben que o amigo Manuel Soares Machado retornara á presidencia da Cámara. Nunha conversa coa proverbial cordialidade portuguesa rememoramos historias compartidas de Portugal, España e Galicia, e o devir das nosas cidades plasmado nos seus monumentos e rúas; a transformación que leva consigo a implantación da nova arquitectura, con exemplos como a mestría de Fernando Távora na alfombra da praza Oito de Maio, para singularizar o acceso á igrexa da Santa Cruz e ás dependencias da Cámara, ou a elegante ampliación de Gonçalo Byrne no Museu Machado de Castro; e, como non, evocar a José Afonso, estudante que foi en Coimbra, cantando por primeira vez Grândola, vila morena en Compostela.

Manuel Machado manifestou as doses de paixón e razón que eu esperaba, e que un alcalde ou alcaldesa debe sempre ter para evitar converterse nun burócrata. Paixón para encetar constantemente o porvir e non conformarse só cos tempos de antes, para amar e sufrir coa veciñanza, sobre todo os máis vulnerables, practicando civilmente a máxima evanxélica de que a man esquerda non saiba o que fai a dereita, ou viceversa, principio que deberían asumir aqueles que de forma intermitente pasean a súa dadivosidade. Razón para transmitir opinións equilibradas que marquen unha senda e para garantir o porvir convivencial, evitando facer da ideoloxía unha fronteira. Para completar o binomio engadiría o papel fundamental da cultura para elixir a tradición que queremos entregar e estoutra tradición que temos que crear.

Volvendo para Galicia lembreime de Abel Caballero, o alcalde que está achegando joie de vivre a Vigo, unha cidade na que os que a queremos, porque alí temos partes da nosa biografía, observabamos, como teño escrito en La Voz, certa tendencia á autoflaxelación. Terá algún límite a súa odisea apaixonada?

Pensei tamén en Xosé A. Sánchez Bugallo, que, como Machado en Coimbra, volveu á alcaldía con novas ideas. Temos comentado que se os anos xubilares son para introducir as reformas urbanas no espazo temporal entre eles o máis importante é facer o camiño de volta de Compostela cara ás urbes de Europa e América, fortalecendo unha cidade aberta que mira máis alá do seu embigo.