Era 21 de setembro del 2016 e o candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pronunciaba en O Saviñao a famosa frase que afirmaba que a actual lexislatura en Galicia ía ser «a lexislatura do rural». Facíao empregando un elemento habitual en campaña, a apelación ao sentimental, lembrando a súa orixe aldeán. Feijoo afirma estar moi orgulloso de ser dos Peares. Algo que está moi ben. E algo que lle pasa á maioría das persoas dos centos de núcleos rurais de Galicia. Dos máis grandes aos máis pequenos. Por suposto, tamén a aquelas que naceron en vilas e cidades.
Pero a fixación de poboación nos núcleos rurais non se nutre de sentimentalismos. A posibilidade de que as galegas e galegos poidan continuar vivindo nos seus pobos pasa, necesariamente, polo emprego e os servizos públicos. En 2018 a Xunta anunciaba a elaboración dunha lei «de impulso demográfico». A uns meses da fin da lexislatura e xa en 2020, o texto segue sen chegar ao Parlamento e o contido que coñecemos é unha mera declaración de intencións con escasísimas medidas concretas. Por suposto, evitando garantir por lei unha carteira sanitaria ou sociosanitaria nas poboacións rurais.
A aparente preocupación do Goberno xa non cola. Porque mentres nos falan de «lexislaturas rurais» e «leis demográficas», servizos esenciais como escolas e consultorios médicos foron pechando nos últimos anos en aldeas e parroquias afastadas.
O peche do paridoiro de Verín é o paradigma do abandono do rural por un Goberno que considera que un servizo público con menos afluencia por prestarse nunha poboación máis pequena é un gasto. Obviamente, se o mantemento deste servizo e a atención das urxencias pediátricas fora unha prioridade, a Xunta non tería agardado a que se xubilase o profesional que as atendía e que chegou a prorrogar ata tres veces o seu retiro. E por suposto, non terían empregado a algún persoal sanitario de Ourense como parapeto para xustificar unha decisión que é todo menos médica.
Estamos ante unha decisión puramente política, coma o foron deteriorar o resto de servizos do hospital de Verín coma dermatoloxía, traumatoloxía ou medicina interna. A ausencia de persoal para as substitución non pode ser unha escusa. A Administración é responsable de buscar os incentivos profesionais necesarios e ofrecer estabilidade laboral para permitir que o peche de servizos non sexa unha constante. Do contrario, a atención primaria e hospitalaria no rural irase apagando coma un misto.
O Goberno de Núñez Feijoo debe dar marcha atrás na decisión de peche do paridoiro de Verín, pero tamén debe entender que a sanidade pública debe manter a súa equidade para ter os mesmos dereitos en Verín ou en Monforte que en Vigo ou na Coruña. Sen sanidade pública no rural, a xente acelerará o abandono das súas vilas.
Antes de falar de demografía, mellor pensar nas medidas políticas que se están a tomar. Se non, as promesas electorais seguirán a ser como na canción de Los Piratas, promesas que non valen nada.