Apestoso

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meus netos de nove e dez anos miran un vídeo nunha tableta e rinse ás gargalladas. Boto unha ollada para ver de que se trata e quedo atónita. Eles reprodúceno para min desde o comezo e observan a miña reacción. Na pantalla vese o rostro dun orangután , de grandes beizos rosados e grandes ollos. Parece un peluche, máis que un animal real. O que oio son sons para min incomprensibles mesturados cunha risa continua, á que se une a dos meus netos. O vídeo, que poden ver tecleando en Google ‘Uh oh stinky’, ten 15.846.300 visualizacións, así que o poño de novo a ver se pesco algo. O único que consigo entender son dúas palabras en inglés: stinky (apestoso) e poop/poopes (caca).

Os meus netos, que saben moito máis inglés que eu, infórmanme de que o primeiro que se oe é o son dun peido; eu négome a que me traduzan o resto.

Recorro a Google que me dá a tradución completa, que vén ser unha repetición de «caca» acompañada de variados adxectivos: boa, divertida, graciosa… E non creo facerlles un spoiler se engado que o vídeo imita a voz dun neno que se fixo caca, sen cueiro e que manifesta a súa alegría polo suceso.

A min paréceme que está pensado para unha idade mental de tres anos, que é cando os nenos gozan dicindo «caca, cu, peido, pis», pero os case 16 millóns de visualizacións, as múltiples variantes do vídeo orixinal e que aos meus netos, tan listos que son, parézalles divertido, fanme pensar que o que eu entendo como cultura ou como entretemento é algo que só interesa a un reducido núcleo de persoas, xa en perigo de extinción.