Para facer unha prospectiva dos avances científicos que podemos esperar no 2020 é bo botar un ollo ao traballo das grandes alianzas de investigación. En primeiro lugar, o consorcio internacional que conseguiu a primeira fotografía dun burato negro (o principal fito científico do 2019) podería anunciar a do burato negro que está no centro da nosa galaxia. Por outra banda, chegarán a pousarse en Marte tres sondas distintas, brillarán as misións chinesas á lúa, unha nave xaponesa traerá á Terra mostras que sacou dun asteroide e a Axencia Espacial Europea actualizará o mapa da Vía Láctea. Posiblemente se anuncien novas deteccións de ondas gravitacionais e poñeranse en marcha dous detectores de materia escura.
A nova técnica de edición xenómica traerá adiantos na loita contra enfermidades e empuxará notablemente o transplante de órganos de animais (porcos, por exemplo) a seres humanos. En 2020 espérase erradicar a enfermidade do sono, probarase unha vacina contra a malaria e chegarán resultados dunha proba que se está a realizar a gran escala para controlar o dengue. Os novos adiantos na análise de proteínas antigas permitirán saber novos detalles de seres vivos desaparecidos hai máis dun millón de anos. Estase tamén a un paso de conseguir sintetizar artificialmente formas de vida coma levaduras. Poderemos ter sorpresas na consecución de materiais supercondutores (que non ofrezan resistencia ao paso da corrente a temperatura ambiente) e tamén na de células solares máis eficientes. Non teñan dúbidas: a ciencia avanza, e cada vez máis rápido.