Mudanzas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Mudanzas na catedral de Nôtre Dame.
Mudanzas na catedral de Nôtre Dame. DENÍS E. F.

01 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Omundo muta diante dos nosos ollos todos os días sen apenas darnos conta. Somos cada vez máis habitantes nun planeta que se está esgotando ambientalmente, cunha tendencia progresiva ao desequilibrio do benestar, sobrealimentados uns e famentos outros, e coas guerras diferidas aos países pobres. Nos países desenvolvidos, pola contra, somos cada vez menos e vanse impoñendo pautas de vida e formas de habitar as aglomeracións urbanas, nun proceso lento de substitución de cidadáns por residentes eventuais.

Os límites entre o urbano e o suburbano seguen esvaéndose aceleradamente. O que entendemos por rural está chamado ao despoboamento, nunha tendencia imparable que non se vai resolver só con proclamas e incentivos. O sentido tradicional da demografía terá que cambiar da cuantificación da poboación mediante o empadroamento á cualificación do lugar a través da actividade económica ocasional ao longo do tempo. Por outra parte, se somos quen de xerar riqueza imos necesitar os estranxeiros, esas mulleres e homes que desesperadamente chegan ás nosas costas. Se a política fora por diante, tería que pensar as medidas de integración a desenvolver.

Pero hai mudanzas máis profundas. Entendemos as palabras de maneiras distintas, mediatizadas con imaxes que reproducen feitos veraces ou trucados de forma tan compulsiva que nos enchen de medos e nos paralizan. Cada individuo palpa a súa impotencia. Polo medio flúe o pensamento feble, proclamas xeneralistas ou monografías sen contexto, como un cadaquén ao seu. En vez de rachar as vestiduras dicindo que os tempos son convulsos, como se adoita facer, cuns gobernantes asustados, con medo á palabra clara que nos faga razoar, cumpriría abrir marcos de reflexión.

As novas sociedades reclaman novas liberdades que emerxen dunha realidade baseada na mobilidade e a comunicación, e que haberá que saber conxugar coas liberdades tradicionais que veñen da sociedade nacida da Ilustración. Aí está a liberdade individual e a conformación dun espazo público democrático no marco da xeneralización das novas tecnoloxías da información. Aí é onde aparece o individuo sobreprotexido ou desprotexido e o manexo das distintas estruturas modulares que nos conforman, desde a familia ao estado e a Europa. De aí tamén a necesidade de crear unha cidadanía reflexiva ante un contorno espasmódico e populista, mediante un diálogo continuado entre opinións distintas.

Os instrumentos son os de sempre: a política e a economía, a educación e a cultura. O escenario son as mudanzas.