Vexo na tele as protestas dos agricultores de Jaén. Din que o prezo que lles pagan polos seus produtos en orixe non cobre os gasto de produción, e que eses produtos véndense aos consumidores a un prezo que nalgúns casos multiplícase por doce.
Sucede co brócoli: vai a 0,20 euros o quilo en orixe e a 2,40 no mercado. O aceite de oliva virxe extra págase aos produtores a 2,025, e no mercado oscila ao redor dos cinco euros o litro, aínda que algunhas grandes superficies baixan os prezos para atraer clientes, nunha campaña de loita contra as súas competidoras.
Estas protestas lembráronme os versos do poeta alacantino Miguel Hernández, que en Viento del pueblo (1937) denunciou a inxusta situación dos xornaleiros andaluces: «Andaluces de Jaén / aceituneros altivos, / decidme en el alma: ¿quién / amamantó los olivos? / Vuestra sangre, vuestra vida, / no la del explotador / que se enriqueció en la herida / generosa del sudor». O poema é o himno oficial da provincia de Jaén.
Miguel Hernández, que morreu no cárcere en 1942 -e con só 31 anos- por defender a República, acusaba aos terratenentes de enriquecerse coa suor dos traballadores.
Quen son hoxe os explotadores? Como pode ser que sesenta anos despois se manteña esa inxusta situación? Quen se enriquece hoxe coa desproporción entre orixe e mercado? Quen son os vampiros que chupan o sangue dos traballadores e tamén do pensionista e da nai de familia, e de cantos chegan con dificultade a fin de mes e van ao mercado para comprar un quilo de brócoli ou un litro de aceite?