Malito

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

06 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucedeu hai tempo. Porén, cando o Juan Ramón lembra aquel suceso, o seu rostro tórnase pálido como o de Clint Eastwood dacabalo dun potro indómito en Durango: cidade sen lei. Era un día de moito traballo no estanco. Estaban o Juanillo e a Mari Carmen. Ela sabía, porque estaba avisada, que se entraba o individuo X quedaría soa atendendo aos clientes. El fuxiría. Calquera escusa valería. Marcho que teño que marchar. Ou vou arranxar algo no banco. Ui, veño agora. Tiña un infausto recordo do individuo X: cando entraba no estanco, o embriagador perfume das súas rancias epidermes conquistaba a estancia. O Juan Ramón sentiu náuseas a primeira vez. Dende aquela, cando entraba X, el saía. Unha tarde previa ao entroido, o estanco estaba completo. A xente acudira en masa para que non faltase tabaco durante o carnaval. O Juan Ramón quixo saír. Pero non podía deixar naquel trance á dependienta. «Teño que ser heroico», repetía. Aquel aroma arrombaba todo tipo de afán, por encomiable que fose. Comezou a tusir, e a tose levouno á arcada. Entrou no baño: tose, e náusea, e máis tose. O ruído preocupou aos clientes, mesmo ao señor X. Falaba un impoluto castelán: «Qué le pasa al jefe, Mari Carmen», preguntaba. Ela dixo: «No se mueva usted mucho, que hay demasiada gente en el local, ¿no le sería mejor salir y venir más tarde?», preocupada por se o aroma do señor X aínda adquiría maior consistencia co movemento. O señor X non contestou. A xente, mesmo sen atender, saía rapidamente do estanco. O Juan Ramón continuaba tusindo, indisposto, doente. O señor X, antes de marchar, dixo: «Lleva a tu jefe al médico, pobre, que está muy malito». Sucedeu hai tempo. O Juan Ramón aínda o lembra.