A eutanasia, cuestión humana

Andrés Torres Queiruga
Andrés Torres Queiruga FIRMA INVITADA

OPINIÓN

María Pedreda

14 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Karl Jaspers falou con fondura das «situacións límite». Definen o máis específico do ser humano e non as podemos cambiar, senón esforzarnos por xestionalas do mellor xeito posible. O nacemento, ser nacidos, é unha. A morte é outra, a última, dalgún modo a máis delicada. Desde que hai humanidade foi rodeada de profundo respecto, por veneración, medo ou esperanza. Hoxe o medo convértea para moitos en tabú. A eutanasia tráea, por vía indirecta, á publicidade, expóndoa a ser utilizada para finalidades espurias, pervertendo o seu sentido.

Usala para calquera fin que non sexa aquel ao que apunta a súa etimoloxía (axudar a “ben morrer”), sería unha indignidade humana, fágase por ortodoxia relixiosa ou programa de partido. Como sería miseria intelectual, resolvela a base de tópicos: esquerda contra dereita ou laicismo contra igrexa. Levamos tempo en que estas tentacións contaminan o ambiente. Digno e intelixente só pode ser buscar entre todos o que poidamos considerar mellor para axudar as persoas nesa dura situación límite. De aí, unha primeira necesidade: dignificar a discusión pública con diálogos honestos e informacións fidedignas; mostrar a seriedade suprema do asunto, evitando que sexa entregado aos tópicos ou, peor, creando un ambiente “tanatófilo”, banalizando a morte e acaso promovendo de xeito irresponsable esa letal tendencia ao suicidio que está sendo una praga tan terrible como soterrada.

Trátase, insisto, dunha cuestión radicalmente humana, anterior a toda división de partido, credo ou ideoloxía. Non son moralista especializado na casuística concreta, nin médico que poida calibrar o modo ou a eficacia das distintas medicacións. Desde a teoloxía interésame insistir en que a eutanasia non é inmediatamente un problema relixioso, senón un problema moral: buscar que recursos médicos, que leis civís, que axudas persoais son os máis adecuados para axudar a que a persoa afronte dignamente a súa morte. Iso non está escrito na Biblia, senón na realidade, examinando entre todos os procesos psíquicos, as relacións familiares, as consecuencias sociais da decisión que se tome. Pero tampouco nese eslogans, que con apriorismo dogmático repiten como evidente a identificación de «morte digna» con eutanasia activa ou suicidio asistido. É preciso presupor a honestidade dos demais, respectando o principio de que todas as posturas serias buscan a morte digna e desexan encontrar o mellor modo de acadalo.

Concretando máis, penso que son dous extremos a evitar. Pola súa parte, hoxe a relixión debe recoñecer que no nivel moral non ten máis nin menos dereito que os demais a participar no diálogo, e que, como dixo Habermas, nese nivel debe traducir e presentar as razóns que veñan da súa rica herdanza tradicional. Os demais deben, en consecuencia, respectar esas razóns; non as que, cunha ousadía estrañamente ignorante, se lle atribúen demasiadas veces (neste sentido deberían ler, por exemplo, o documento da CCE, Sembradores de esperanza, 2019).

Cal é entón o papel da relixión neste problema? Creo que, nada máis pero tampouco nada menos que o de centrarse no seu papel específico. Aclarareino cun exemplo. Cando, ao falar do tema no nº 106 de Encrucillada, afirmei: «o que é bo para Ramón Sampedro é bo para Deus», dixen algo que evanxelicamente resulta axiomático, pero que escandalizou a moitos. A un amigo que mo reprochaba reflectindo un parecer oficial, contesteille: acaso o que é bo para ti non é bo para túa nai? Se algo nos ensinou Xesús de Nazaré consiste en que o único que busca Deus, é o ben das súas creaturas, o noso ben. O problema está en que, por respecto e para non anular a nosa autonomía, somos nós os que debemos buscar o camiño e decidírmonos a seguilo.

Nun pasado premoderno era comprensible, que a Igrexa pensase ter todo xa ditado na Biblia e dispor a priori de respostas para calquera caso novo. Hoxe comprendemos que, Evanxeo na man, o seu rol auténtico consiste, por un lado, en chamar e urxir ao cumprimento das normas que entre todos descubramos como as mellores; por outro e sobre todo, en insuflar confianza, anunciado a seguridade dun Deus Abbá, «pai-nai» que envolve toda a nosa vida cun amor máis poderoso cá morte, capaz de nos salvar e plenificar cunha esperanza contra toda esperanza.