Debo dicir, antes de nada, que me refiro a unhas declaracións de Vox. Cústame crer que alguén dea crédito a esa visión dunha Galicia que impón o galego en todos os ámbitos das relacións humanas: na Administración, na escola, nos hospitais, na rúa… Os galegos, dun modo espontáneo, tendemos a actuar dun xeito contrario ao da alcaldesa de Vic, que propón que non se fale castelán aos estranxeiros ou a quen non falen catalán.
En Galicia, cando nos atopamos con alguén que non nos parece galego, tendemos a falarlle en castelán. A min, durante décadas, paisanos que falaban galego desde a súa infancia, falábanme en castelán, mesmo cando eu lles respondía en galego, porque, como me dixo un, «parece estranxeira e penso que así me entende mellor».
Na miña época de estudante en Santiago só podía falar galego cos que frecuentaban a casa de don Ramón Piñeiro. Durante moito tempo, a lingua galega non só sufriu a represión do Goberno e da igrexa, senón de gran parte da sociedade, que a consideraba un signo de ignorancia e de clase social baixa. O apartheid era contra o galego.
E agora que por fin as cousas normalizáronse, e os galegos dispoñemos de dúas linguas para usar a vontade, sen distinción de clases, sen prexuízos, orgullosos da nosa riqueza lingüística, agora veñen eses tipos para meter cizaña, mentindo como bellacos. Será posible que alguén lles dea crédito?