Un canto á lectura en catro linguas

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos anos impresionoume un texto de Federico García Lorca que non era un poemario nin unha das súas obras de teatro: era un discurso, unha alocución de poucas páxinas que o gran escritor leu en setembro de 1931, cinco meses despois de instaurarse en España a Segunda República. Nese contexto, nese «tempo de entusiasmo» (Rafael Dieste), inauguráronse nalgunhas localidades españolas de pouca poboación as primeiras bibliotecas. Así aconteceu en Fuente Vaqueros, patria do noso escritor. Foi Federico o convidado, polo Concello, para pronunciar unha conferencia que é un canto -fermoso e moi didáctico- á importancia da lectura, canto no que esboza, maxistralmente, unha historia da escritura e do libro que deberían ler e reler cantos escolares hai no mundo. Esa historia está ateigada de cavilacións como esta: «No solo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle, no pediría un pan sino que pediría medio pan y un libro. Y yo ataco desde aquí violentamente a los que solamente hablan de reivindicaciones económicas sin nombrar jamás las reivindicaciones culturales que es lo que los pueblos piden a gritos». Ou como esta: «La Revolución Francesa sale de la Enciclopedia y de los libros de Rousseau, y todos los movimientos actuales societarios comunistas y socialistas arrancan de un gran libro, de El capital, de Carlos Marx».

A editorial Kalandraka (Pontevedra) acaba de editar, co título Medio pan y un libro, a grandiosa alocución nos catro idiomas oficiais de España: no castelán de Lorca, en galego (na tradución de Henrique Alvarellos), en catalán (Miquel Desclot) e en euskera (Juan Luis Zabala). Ante este texto lorquiano en edición tetralingüe lembro, inevitablemente, os Seis poemas galegos de García Lorca, traducidos ao castelán (Ánxel Fole), catalán (Ricard Salvat) e vasco (Gabriel Aresti). Foi no outono de 1974 (reinante Franco aínda) no volume co que eu inaugurei a colección Arealonguiña (na editorial Akal, de Madrid).

Na súa sintética e pedagóxica historia do libro, Lorca, despois de recordar que Alexandre de Macedonia construíu unha caixa de materiais nobres para gardar un exemplar da Ilíada, fai un elocuente alegato en favor dos máis diversos libros, desde O capital, de Marx, a esa «obra cimeira da poesía española» que é o Cántico espiritual de San Juan de la Cruz.

Este texto, un dos máis esquerdistas escritos en prosa por Federico, finaliza coa cita dun crítico francés: «Dime que les e direiche quen es».