Quirófano, por favor

María Mosquera Castro EN VIVO

OPINIÓN

maria pedreda

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun momento de crise mundial provocada por un microorganismo, os docentes (somos unha especie rara) estamos preocupados pola nova lei educativa: LOMLOE (haberá alguén que cobre por poñerlles nomes ás leis?) Agora que xa case entendiamos (algúns) o que son as rúbricas, os estándares de aprendizaxe… resulta que hai que resetear e volver empezar. Todos os que nos dedicamos a esta profesión somos conscientes de que temos a obriga de actualizarnos, pero, inocentes de nós, pensabamos que era na nosa materia, non na lexislación. E se engadimos no máster de profesorado algunha materia de Dereito?

Dende que empezou a democracia en España levamos sete leis educativas, algunha das cales nunca chegou a aplicarse: LXE (de 1970 a 1990), que foi a máis prolongada no tempo, con algunha modificación: LOECE (1980) e LODE (1985). En 1990 a LOXSE pon fin á LXE, e seguimos coa LOPEG (1995), a LOCE (2002) e maila LOE (2006), ata chegar á LOMCE no 2013. Pero xa pasaron seis anos e un novo proxecto de lei ameázanos.

Entendemos que no sistema democrático é positiva a alternancia de partidos, pero pensamos que máis alá das ideoloxías políticas ten que haber unha base sólida e duradeira en aspectos fundamentais, como o é a educación. Por iso, dende todas as asociación de directivos de centros públicos avogamos por ese pacto educativo que, sinceramente, pensamos que nunca imos acadar, sobre todo mentres a clase política non asuma que a súa función é o servizo público e que moitas veces hai que renunciar ao propio en beneficio do ben común.

Analizando o novo anteproxecto vemos que se trata dunha volta á LOE con algunha modificación («ondiñas veñen e van»), pero nada substancial. Se ben hai cousas positivas, como que os programas de diversificación curricular volvan a terceiro e cuarto de ESO e faciliten a titulación a certo alumnado con máis dificultades, que se lle quite peso á materia de Relixión, a flexibilización no acceso á FP ou que os consellos escolares recuperen as súas funcións, non creo que mellore as competencias do alumnado a promoción automática ou a titulación no bacharelato sen ter superadas todas as materias.

Unha vez máis estamos a deostar a cultura do esforzo. Unha lei que se define como «centrada no alumnado e no seu potencial a desenvolver» debe facer iso: promover o desenvolvemento das capacidades do alumnado, e isto non se consegue se non educamos no traballo diario e na superación das dificultades, non na desidia e na filosofía de que ao final os resultados son os mesmos para todos.

Por outra banda, un dos problemas co que nos estamos a enfrontar nestes momentos nos centros educativos é a compatibilización dos currículos tradicionais coa innovación, o traballo por proxectos…, o que resulta inviable. Por iso, insisto, o que precisa a ensinanza en España é unha reforma total do sistema que non esqueza os principios básicos da aprendizaxe dende os primeiros anos da infancia: precisamos vocacións STEM e científicas, si, pero tamén (e sobre todo) precisamos unha cidadanía que saiba expresarse correctamente, que comprenda o que le, que teña un pensamento estruturado que lle facilite a aprendizaxe das linguas propias e estranxeiras, que sexa capaz de pensar se a solución dun problema que sae dunha calculadora é coherente coa formulación do mesmo. Non se asusten, señores, pois os que estamos nas aulas a diario sabemos que esta é a realidade coa que nos atopamos na ESO e no bacharelato: gravísimo problema que non se soluciona cuns apósitos, hai que abrir e operar.

Por certo, se mentres tanto discuten Pedro e Pablo sempre poderemos mandalos á aula de convivencia e facer unha mediación.