Cónstame que hai xeógrafos que non sitúan ben no mapa a vila de Quesada, capital dun concello que conta con 5.300 habitantes, na provincia de Jaén, de cheo no parque natural de Cazorla, Segura e Las Villas. Cónstame tamén que hai moita xente, fóra de Andalucía, que, polas súas inquedanzas éticas e artísticas, ten noticia de que nesa pequena vila existe un museo singular que acolle a pintura de Rafael Zabaleta e o fondo documental e literario (desde 2015) de Miguel Hernández. Lémbrese que en Quesada naceu Josefina Manresa, esposa, musa e anxo custodio dos papeis do autor de Viento del pueblo e doutros títulos esenciais da poesía europea do século XX. Algúns tamén lembrarán que Xaime Quessada, o noso gran artista (1937?2007), nalgunhas das súas lostregantes conversas, afirmaba que os seus devanceiros eran andaluces, de Quesada. Pois ben, agora, trece anos despois do seu pasamento, o noso Xaime volve ás raíces, á terra dos seus devanceiros.
En efecto, no Museo de Quesada -nese nobre e prodixioso museo- expóñense, de Xaime Quessada, 33 cadros e tres esculturas, mostra que foi inaugurada o 22 de febreiro e será clausurada o 10 de maio. Son os seus comisarios Ángel Llorente e José Gómez Alén, secretario da Fundación Xaime Quessada Blanco (Ourense). Está no prelo o catálogo da mostra, que ofrece estudos de Xesús Alonso Montero e Darío Villanueva, alén dun traballo dos dous comisarios.
Estou convencido de que os «andaluces de Jaén, / aceituneros altivos» gozarán non pouco ó contemplaren a riqueza, a polifacecia, a fantasía e a forza daquel gran artista plástico que foi Xaime Quessada, un Xaime Quessada que se atopará confortado na compaña dos libros, dos manuscritos e das cancións de Miguel Hernández. Non hai moito Hernández foi agraviado, en Madrid, feito que, de vivir o noso pintor, provocaría un elocuente cadro de denuncia, musa tan presente nel.
Con señardades dese imposible cadro, a min confórtame a carta do alcalde de Quesada, Manuel Vallejo Laso, ó alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida. Na ponderada carta convídao coa máxima cortesía a visitar o museo, non sen antes estampar esta nobre e elemental reflexión: «Entendemos que quienes nos dedicamos al servicio público, con independencia de nuestras diferencias ideológicas, normalizadas en un sistema democrático por el que luchó y dio su vida el poeta Miguel Hernández, compartimos estos valores y principios que debemos proteger y respetar, como parte de un legado cultural y humanístico de primer orden».