Por diversos motivos, tiven estes días tempo para ver programas de televisión que nunca vexo e quedei mesmo abraiado da maneira en que se dan noticias sobre a evolución da crise do coronavirus. Todas elas eran dun dramatismo apocalíptico e, o peor, con intervencións de xentes de moi escaso bagaxe académico, pero sempre dando berros ou facendo xesticulacións.
Sorprende que unha crise, tan evidente polo demais, reciba un trato dun dramatismo moi superior ao que se lle dá á crise da gripe en todo o mundo, pois esta, en canto a número de mortos e persoas afectadas, resulta de moi superior mortaldade, sendo tan fácil a súa prevención. E de maneira ben irracional, como é sabido, moita xente non está disposta a recorrer a ela por falta de educación cívica.
Pero o espectáculo dos berros e das xesticulacións, para mellor afirmación dos disparates, non se me vai da memoria: ou se trata dunhas maneiras de informar enteiramente alleas a unha profesionalidade ausente, ou, se cadra, de algo aínda moito peor e de consecuencias ben funestas, pois trataríase de crear adrede a tiranía do medo.
Só así me explico cabalmente os tristes espectáculos informativos a que aludín, todos cortados polo mesmo patrón en procura dun dramatismo de alta tensión, que nin informaba nin clarexaba, pero si á vista estaba, e non quixera esaxerar, que por distintos camiños estaban creando a peor das tiranías, que é a do medo. Penso, e coido que moitos o pensarán, que esa tiranía pode ser eficaz axuda para distraer ás xentes, ás multitudes que non poden vivir ou que malviven. Pode ser arma de destrución masiva e global. Moi doada de ter e de executar polo poder mundial. E moito me temo que xa estea sucedendo hoxe. Oxalá non sexa verdade nada do que pensamos.