
a póla que agroma solitaria na foto, inmersa nun contexto de árbores aínda en repouso e de paisaxes máis amplas, quizais sexa a máis intelixente ou a máis ousada entre todas elas.
A historia, a política e a economía necesitan igualmente un contexto, unha trabazón a través dun discurso intelixente capaz de interpretar unha realidade complexa. A complexidade é paradoxal por natureza, por veces incluso antitética, e enfrontarse con ela esixe un esforzo de racionalización, unha mirada transversal capaz de enlazar todos os feitos que aparecen e sorprenden.
A disrupción do COVID-19 vén evidenciar un paradoxo. Por un lado, a vulnerabilidade global e a fraxilidade individual que nos induce a xuntarnos, e por outro a necesidade de distanciarnos, ou mesmo de illarnos socialmente, para tratar de defendernos do contaxio. Ante tal eventualidade, a riqueza ou a pobreza, que tanto marcan a actividade humana, non son agora o único relevante. Fronte a esta pandemia estamos todos nivelados, aínda que a crise que apenas acabamos de superar, coas súas restricións económicas, debilitou os máis febles.
Europa responde aos desafíos con reflexos tardíos, esquecendo a súa razón de ser como continente político. Fáltalle desde hai tempo o contexto necesario para reaccionar como un colectivo eficiente. Mentres tanto, os Estados Unidos, o menos global dos países, decide illarse e inculpa o continente europeo. Trump non sabe a onde está levando un país tan importante e determinante para o mundo.
Unha vez máis, a política ten que anticiparse nun esforzo de contextualización da dificultade. Por iso, o liderado dunha institución ou dun Estado é fundamental para poder discernir as cousas esenciais, evitar os conflitos e, simultaneamente, rabuñando o futuro, enxergar as solucións. Pero a intelixencia do liderado, por si soa, non abonda: é preciso o compromiso da sociedade mediante unha aprendizaxe dialóxica constante que implique a maioría na resolución dos problemas.
Mentres acontece o impredicible, ou cando isto pase, quedaremos obrigados a dar un paso adiante para conciliar outro paradoxo inherente á complexidade: a atención á diversidade tan evidente na nosa sociedade coa necesaria dose de homoxeneidade para podermos elaborar unha resposta conxunta. E polo medio, como non, a habitual dicotomía entre o público e o privado.