Isto non é unha guerra: vai de coidados

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Moncloa

24 mar 2020 . Actualizado a las 23:11 h.

Chamámoslle corentena pero o que facemos é unha quincena. O virus da peste duraba trinta e nove días e por iso a corentena, este virus dura catorce e por iso nos aillamos unha quincena, pero a forza das ideas adquiridas no pasado ten unha inercia que pode connosco. Os humanos somos memoria aínda por riba dos cambios, o que non cambia é termos que nos pechar para non propagar o virus. Xa levamos máis dunha semana pechados e Mariluz Ferreiro e Fernanda Tabares xa explicaron nestas páxinas como estamos, que necesitamos, máis e mellor non hai quen.

Estamos en tempos de coidados pero moitos dos discursos destes dias son de milicia. Non encaixan cun estado de alarma sanitario. Outra inercia, pero esta menos entendible. A xente canta polas fiestras, aplaude todas as noitiñas, acabamos de vivir o día da poesía, pero a maioría dos discursos son máis épicos que líricos. Hai algo estraño nesa desviación épica que non encaixa co comportamento da sociedade nin co da sanidade. Son discursos de guerra patriótica, de mobilización xeral, que me lembran máis o que teño estudado da Primeira Guerra Mundial que unha mobilización cívica e sanitaria. Que pretenden? Cara onde van?

Se un repara na compoñente épica dos discursos, nos contidos, nas referencias, veremos ausencias reveladoras e certa impostura nas memorias. Usamos memorias que non son nosas. Moitos discursos do presidente, por exemplo, evocan a unidade da nación nunha guerra, outros voceiros aluden a que todos temos que ser soldados contra o virus. Lembran tons e fórmulas que nos son levemente familiares porque levamos décadas escoitándoas no cine anglosaxón. As veces lembran mesmo esas soflamas estereotipadas, propias de guionistas preguiceiros, que lles colocan sempre aos presidentes norteamericanos nos finais de películas de catástrofes ou de invasións alieníxenas. Unha peniña.

A sociedade española non viviu a primeira nin a Segunda Guerra Mundial. Non dende o bando dos aliados e dos vencedores. Esas memorias non son nosas. Só o parece porque estamos afeitos a escoitar eses discursos, pero nada teñen que ver con nós, co que fomos no pasado e polo tanto tampouco co que somos no presente. Cales serían as nosas memorias de mobilización? Mellor nin as lembramos, verdade. Esquecémolas conscientemente e agora por sorte só son obxecto de estudo dos historiadores, mellor así. Coidado coa épica, porque o discurso non sempre se compadece co significado. Menos aínda neste caso e aquí. As veces algún parece que clama por algo así como unha «unidade de destino viral». Penoso.

Farían ben os responsables políticos en mudar o ton. Mesmo en crear un novo discurso copiando a Fernando Simón. Os discursos de mobilización militar nada lle din a unha sociedade onde os menores de corenta anos non fixeron o servizo militar (suspendida no 2000) e unha alta porcentaxe dos menores de 60 anos fomos obxectores de conciencia. Estou un pouco asombrado. Unha amiga, aínda máis asombrada, pregúntase con bo criterio onde están as feministas do PSOE. Como é quen non aproveitan esta ocasión para introducir unha linguaxe desta crise e desta época. Unha linguaxe feminista e non militarista, que fale do que importa hoxe, que son os coidados.