A Stasi

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as formas de perversión que afloran co confinamento está a de crerse poli camuflado tralos gnomos de xardín. Non crean que é loucura, é só que o encerro fai fortes aos gardas da moral. Para eles, o decreto de corentena equivale á visita daqueles dous comisarios da Stasi que, por bo cidadán, te fichaban para vixiar os veciños. Non falo deses velliños que temen a morte e esixen desde a xanela o metro de separación; nin me refiro aos rapaces aburridos que controlan desde o balcón as veces que o do quinto sacou o can. Hai unha vixilancia peor, esa que nace nas alertas, nas guerras e nas ditaduras, esa dos moralistas que atopan na anormalidade un coto para cazar disidentes e que ven na limitación da mobilidade e do dereito de reunión un espazo idóneo para impor o seu totalitarismo. Falo desa que ameaza ao divorciado do segundo con denuncialo á poli por durmir coa amante; de quen asexa pola mira se o médico do cuarto deixa os zapatos á porta; das mamás que arrincan a pel ás tiras ao neno con espectro autista que, a diferenza dos seus, pode saír pasear; deses que, nos grupos de WhatsApp escolares nos explican a diario o que debería estar facendo a profesora; dos balcóns ateigados de aplausos da mesma xente que hai só quince días puña podre o médico de cabeceira. É certo que ninguén volverá ser o mesmo despois desta corentena mundial. É certo que mudaremos o estilo de vida, a forma de entender as relacións e o ránking das cousas ás que damos valor. Pero non mudará esa sucia condición da hipocrisía, a traizón e a vixilancia en que se basean os sistemas totalitarios e que tan dispostos están a asumir algúns. Eu sempre desconfiei de quen devece por ser presidente da comunidade de veciños.