A través dos medios de comunicación difúndense algunhas mensaxes que teñen a boa intención, supoño, de elevar o ánimo do persoal. Unha é a de «este virus lo paramos unidos». Dada a evidente desunión que se viu no Goberno desde os primeiros momentos, a descarada forma de saltar a corentena dalgún dos seus membros, o sálvase o que poida das comunidades autónomas e a postura dos distintos partidos a mensaxe pasou enseguida de pouco convincente a francamente irritante.
Outras mensaxes queren transmitirnos, con distintas expresións, a seguridade de que sairemos desta. Agradécese, pero é obvio que todo o que empeza acaba, así que antes ou despois sairemos, ou, mellor dito, sairán os que non se quedaron no camiño. O problema está en como será ese futuro. Tamén se dicía que sairamos da crise financeira mundial do 2008, pero vaia saída: hai que ver como quedamos, nin sombra do que fomos antes desa data.
E hai mensaxes que aseguran que seremos mellores cando isto acabe, pero da adversidade non sempre se sae polo mellor camiño. O inocente Lazarillo de Tormes aprendeu enseguida que «me cumple avivar el ojo y avisar, pues solo soy, y pensar cómo me sepa valer». Desde aquela, a súa seguridade e o seu interese foron os seus únicos valores. Oxalá que o exemplo de solidariedade e de sacrificio dos que están deixando a pel por vencer o virus sexa o que se impoña nese futuro incerto. Ese, e non o das nacións que pechan as súas fronteiras e que se disputan a golpe de diñeiro máscaras e respiradores. O tempo o dirá.