
A situación que está a provocar a propagación do COVID-19 supón un reto a nivel médico, psicolóxico e social. Cando un evento inesperado e ameazante aparece de súpeto nas nosas vidas, é habitual que sintamos medo. Preocúpanos o que nos poida suceder se somos infectados, ou o que lle poida suceder aos nosos seres queridos se son eles os que contraen a enfermidade. Estas reaccións, totalmente normais, poden ser maiores cando as consecuencias alteran de xeito notable as nosas rutinas e estilos de vida.
A xestión da información é unha peza clave no tratamento social dunha enfermidade. O problema que nos atopamos é que, case desde o inicio da propagación, estase a producir un exceso de información que pode ser moi nocivo, especialmente cando a través de diferentes canles de comunicación recibimos noticias contraditorias, sensacionalistas, de pouca calidade ou de cuestionable veracidade. A «infoxicación» ou intoxicación informativa tan só serve para provocar un alto grao de confusión e un dano emocional completamente innecesario. Ante esta ameaza, prestemos atención ás autoridades sanitarias antes que a outras fontes, evitemos difundir polas redes sociais datos non contrastados, e transmitamos calma aos colectivos máis vulnerables (nenos e persoas maiores).
Nalgúns sectores laborais (sobre todo nos profesionais da sanidade, do turismo e do transporte) estanse a vivir situacións de alto estrés polo efecto da propagación do virus. A incógnita sobre canto tempo máis durará esta situación ou cal será o impacto económico a longo prazo fai que a sensación de vulnerabilidade sexa aínda maior. Tratemos de continuar traballando coa maior normalidade e serenidade posibles, busquemos apoio noutros compañeiros, evitemos tomar decisións precipitadas que nacen do medo, e non malgastemos o noso tempo nin os nosos recursos en medidas pouco efectivas.
Algunhas das estratexias preventivas fronte ao contaxio tamén terán consecuencias difíciles de encarar para moitas familias. O peche de centros escolares e de maiores, entre outros, non terá que supoñer necesariamente un trastorno na medida que na que ofrezan medidas de conciliación ou outros tipos de garantías para pais e nais. Pola contra, haberá fogares nos que si será un obstáculo. Auxiliemos os nosos familiares, amigos ou veciños cando así o precisen, e pidamos axuda se a necesitamos. O illamento, como medida de profilaxe, non é incompatible co espírito de comunidade e a conciencia social.