O planeta Terra e o coronavirus

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

OPINIÓN

María Pedreda

18 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O planeta Terra ten 4.650 millóns de anos de existencia, e dende a súa formación pasou por moitos cambios radicais e notables vicisitudes. Hai 3.500 millóns de anos apareceron os primeiros microorganismos unicelulares, as células procariotas, que vivían nun planeta que tiña unha atmosfera de nitróxeno, sulfuro de hidróxeno, metano e moito dióxido de carbono, e vivían ben. Pero hai 2.500 millóns de anos as cianobacterias inventaron a fotosíntese oxixénica, provocando a chamada grande oxidación, é dicir, encheron a atmosfera do planeta co gas máis velenoso e corrosivo que existe, o osíxeno, que todo o oxida, e, aínda así, os microorganismos unicelulares que vivían daquela readaptáronse á nova situación atmosférica. Sen dúbida, as arqueas e as bacterias son os seres vivos de maior éxito do proceso evolutivo, porque aínda seguen aquí dende aquela. A aparición das células eucariotas (as nosas), hai 1.500 millóns de anos, foi un gran pulo evolutivo que abriu o camiño á complexidade dos organismos pluricelulares: animais, vexetais, fungos e outros. Tamén a climatoloxía na Terra foi moi variable, ata o punto dunha superglaciación planetaria hai 750 millóns de anos, na chamada gran bóla de neve, na que unha inmensa capa de xeo cubriu tódolos océanos e continentes.

Hai uns 540 millóns de anos culminou un proceso da aparición dunha gran variedade de animais multicelulares macroscópicos, os metazoos, un proceso coñecido como a explosión do cámbrico. Os océanos enchéronse cos máis diversos animais, de abraiantes deseños corporais; moitos deles persistiron ata agora, pero outros, coma os trilobites, quedaron no camiño aniquilados polas sucesivas extincións en masa, que nalgúns casos fixeron desaparecer do planeta o 95 % das especies, coma a do pérmico-triásico, coñecida como a gran mortaldade. As cinco grandes extincións en masa que asolaron a Terra producíronse por diferentes causas: vulcanismo intenso, cambio climático, impacto de grandes meteoritos, etcétera. Despois de cada extinción sempre xorde un grande espazo evolutivo que volve a diversificar o planeta con novas especies que substitúen ás extintas. Porén, é máis que probable que de non terse producido a extinción dos dinosauros no cretácico os seres «moi intelixentes» actuais estarían cubertos de escamas, mais non foi así, e estamos cubertos de pelos. E toda esta evolución planetaria foi coordinada por un único cerebro, o ADN.

En conclusión, para que o entendamos, a Terra é un planeta dinámico, tanto xeolóxica como bioloxicamente. Cambiou a disposición das terras emerxidas e as especies, pois a Terra sempre se reaxusta, porque está en continuo movemento pola súa capacidade reguladora e autoorganizativa. Inconcibiblemente, a especie actual máis sapiens, empurrada historicamente polos adeptos das dominantes potencias económicas e sobrenaturais, considera que a Terra está para nos servir e podemos facer dela o que nos pete: sobreexplotala, espremela, contaminala, estragala, etcétera, coa finalidade imperiosa de gañar cada vez máis cartos e poder. Non facemos un uso racional da natureza, senón un abuso global, determinado por un crecemento exponencial da poboación. Xa imos por 7.700 millóns de habitantes, o dobre dos que había cando rematou a guerra do Vietnam, hai dous días.

En consecuencia, bioloxicamente somos unha gran praga no planeta. As pragas minguan de xeito natural cando esgotan os recursos alimenticios, morrendo masivamente por fame ou cando pola súa densidade poboacional son atacadas masivamente por depredadores ou parasitos que viven a expensas delas, provocando un descenso apreciable da súa poboación. E isto é precisamente o que está a suceder no planeta co coronavirus, pois a pandemia é un mecanismo de xeración natural potenciado pola superpoboación, cunha expansión planetaria desmesurada precisamente favorecida pola globalización. O coronavirus está dándonos unha lección que é necesario aprender, pois estanos a explicar que o abuso global da natureza lévanos por un camiño moi errado, provocado polo efecto sinérxico do cambio climático, a acidificación dos océanos, o burato de ozono, a contaminación, a sobreexplotación, etcétera. Se non remediamos o impacto global das falcatrúas dos seres humanos, imos camiño do exterminio de moitas especies, e con elas nós á fronte, pois é un feito ineludible e que, como augurou o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), producirase cara ao 2100.