Incógnitas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

25 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Troitiño Vinuesa, xeógrafo e humanista, in memoriam.

A natureza segue o seu curso. Supoño que neste mes consumouse a metamorfose vexetal, nun silencio fondo no que os paxaros se estrañan de escoitarse, e o ritual de beleza da nova estación segue a cadencia do tempo dunha montaña máxica.

A cidade, en cambio, está quieta, silente, sen desexo, pode respirar todo o aire do ceo. O paso de peóns segue deserto e dá ganas de berrarlle imbécil! a ese homiño verde da pantalla do semáforo que emite sons e non palabras. Porque o que está confinado é a palabra directa, salpicada con saliva, próxima, sen a mediación dun artefacto electrónico. Non vaia ser que lle collamos gusto á comunicación virtual e que, no fondo, estea agachado o medo colectivo a saír e vernos detrás das mascarillas e medindo a distancia social, que paradoxo! Como nos vamos cabrear ou namorar da imaxe dunha pantalla ou cun bozo sobre o rostro?

Ante tal estrago social e económico, as mesmas palabras terán que resignificarse, porque están cheas de interrogantes.

Como será o espertar o territorio apagado? O dilema cidade-campo hoxe non é tan evidente, urbanitas e ruralitas dependemos dunha millonésima de milímetro chamada coronavirus e estamos atados pola cadea alimentaria e sanitaria.

E dos modestos empregadores, que nin sequera son empresarios, e os seus empregados, que lle dan a vida á nosa comunidade para que os espazos volvan ser encontradizos?

Os sen teito, hoxe amparados cun manto protector, outro paradoxo, volverán á rúa e á exclusión?

Xogarán os nenos ao escondite? Volverán entrar neses parques tan seguros pero tan pouco aventureiros?

En que vai consistir ser maior, vello, ancián? Como será o tránsito no seo da familia, asistido ou en soidade?

A arquitectura e o urbanismo, hiperregulados con normas e ordenanzas, axustaranse a unha nova realidade versátil ou volverá o laissez faire, o ti vai facendo? E que dicir da mobilidade.

Retornarán, e de que maneira, os peregrinos e os turistas? Quen lembra agora a turistofobia.

Como mesturar felicidade e benestar, seguridade e liberdade, sustentabilidade e nova economía? Que será da cultura e a educación como sistema de autoorganización, algo que nos complete e complemente?

Que ten que facer o mundo desde agora baixo o ceo?, preguntábase Baudelaire.

Noso amigo Miguel Ángel Troitiño, eminente urbanólogo e coidador de cidades históricas, deixou de estar. Maldito bicho. Quédanos o seu ser para compartir pensamentos e vivencias.