Nunca gustei dos apocalípticos, e ultimamente, coa irrupción do coronavirus, velaí están, rexurdidos, coma unha nova clase de pandemia que nos esmaga coas súas previsións, que van todas cara á fin do mundo.
Non custa nada aventurarse cos números. A gripe aviar do 2005 seica ía apañar máis dun cento de millóns de mortes no mundo e a cousa quedou en nada. Non relativizo -nin moito menos- as mortes que se están a producir, que son moitas, pero que, ao final, van distar moito do millón e medio que algúns adiantaban para España, agarrándose ao medo e a unha matemática fúnebre que ignora que se está a traballar en moitas frontes para que isto non aconteza. As persoas apocalípticas son un pouco coma as hipocondríacas, con esa facilidade coa que abrazan as enfermidades tal que se fosen unha clase de amor desesperado. Teñen un don para o sufrimento e calquera doenza é coma unha asunción crónica, case orgánica, que lle dá sentido ás súas vidas. Eses agoireiros tétricos espállanse polos medios de comunicación e enchoupan o noso ánimo recluso con esa especie de crise final que nos agarda e lle fai pensar a miña nai que todo naceu nunha conxura contra os vellos. Non.
Coido que sería bo afastarse deste tipo de xente e tamén de todos os políticos que aproveitan a situación para facer a súa particular escalada cara ao desastre neste momento que nin é nin debería ser o seu. Porque, por moita improvisación que poidamos ver nos políticos que nos gobernan diante dun fenómeno novo para eles e para o mundo, debemos pensar que detrás das súas decisións máis relevantes hai comités científicos que, aínda con todos os seus erros e indecisións, son os únicos que nos poden salvar desa fin do mundo que agoiran os apocalípticos.