Agora que somos amateurs da estatística grazas á corentena e podemos extraer conclusións contando xente desde o balcón, proclamo: onde están as mamás no garbeo infantil dunha hora?
Domingo 26 de abril, día da apocalipse. O peor que nos podía pasar non era o coronavirus, senón as rúas cheas de familias desestruturadas a golpe de decreto. Segundo as fotos trucadas dalgunha portada, saiamos cos nenos só co obxectivo de refregarnos contra o primeiro viandante e espallar o virus adrede. Porén, o que acontecía era que unha epidemia de sutil masculinidade ocupara os parques. Se buscase marido, este sería o meu momento, coa competencia anulada facendo pan na casa, mentres paseo a loirez das femias da familia polas rúas de Vigo. «No teu barrio hai mulleres paseando cos nenos?», interrómpeme por wasap unha feminista histórica, e engade: «Igual é cousa da miña zona sanitaria, pero dáme que nos esquece explicar este momento con algo de perspectiva de xénero».
Pode que as mulleres decidisen non saír para gozar dunha hora soas por primeira vez en semanas. Pero é máis probábel que quedasen limpando a casa, por fin baleira.
Tamén nesta anormalidade asumimos roles que nos castran e que, se os facemos cadrar coa afección estatística, amosan o equivalente pandémico de seguirmos atadas á pata da cama: se maioritariamente as mulleres deixamos de traballar pola crianza, os homes si terían a oportunidade de saír (se non teletraballaban), de xeito que moitas nais sufriron o mesmo nivel de confinamento extremo que as súas crianzas. Quen merecería máis acompañalas nestes primeiros paseos? E aínda haberá quen se crea feminista por pasear os nenos coma se fosen mascotas.