Que non, que non imos ser mellores ao saír desta crise… os que saian. Os sinais proliferan. Aos aplausos das oito da tarde uniuse a cazarolada dos que non poden soportar esa imaxe de unidade veciñal, como se aplaudir a quen arriscou a súa vida por axudar a outros supuxese algún tipo de encomio a un goberno torpe e prepotente. Aumentan as mostras de odio contra os que saen a correr durante o confinamento: insultos, auga desde os balcóns , fotos e denuncias, mesmo a veciños do mesmo edificio. O insulto máis xeral é capullo, ou, en versión feminina, capulla. E, como réplica, un neoloxismo, balconazi, para designar aos implacables xuíces que actúan desde o refuxio seguro das súas casas.
Un sinal máis: as fotos da primeira saída dos nenos. En lugares como Madrid, onde non se abriron os parques, as fotos de beirarrúas e calzadas, tomadas cunha perspectiva malévola, dan a impresión dunha masa enmarañada, como a das manifestacións do 8 de marzo… Como para que se prohibise aos nenos volver saír. E outra: o dos «brazos abertos ao turismo» dino só os empresarios do gremio de restauración e hostalaría. A poboación autóctona segue manifestando un rexeitamento xenofóbico contra os propietarios de segundas vivendas. Non sei a que vén esa leria de que imos ser mellores... Recorden o que dicía o inválido que foi a Lourdes cando lle fallaron os freos da súa cadeira nunha costa abaixo: «Miña virxe milagreira, que quede como estaba!». Pois iso.