Cidadáns dixitais

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

11 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde que a ciencia e a tecnoloxía entraron de cheo nas sociedades obsérvase o feito de iren os gramáticos con atraso. Non critican derivas de significado que converten os neoloxismos en absurdos. Tal é o caso do abuso de dixitalizar máis substantivos e adxectivos asociados.

A crise da covid-19 está a mallar en nós coa importancia das sociedades dixitais, os comportamentos dixitais, os cidadáns dixitais... Isto último, pensar nos humanos como seres dixitais, levanta alarmas do coñecemento científico e da lóxica. Porque a nosa especie -como calquera outra- percibe e actúa de xeito exclusivamente analóxico. A matemática e a lóxica dixitais son produto dunha abstracción, que nos conduciu ao mundo hipercomunicado de hoxe. Non existen na nosa realidade tanxible: escóitese o son dun altofalante alimentado cunha cadea de 0 e 1 e téntese comprender a mensaxe.

Se as academias quixesen harmonizar as linguas, sería bo que en Galicia as que se ocupan da ciencia e da lingua interviñesen na solución ao problema. Como suxestión para os señores académicos vaian telematizar e sociedades telematizadas, e cantas frases se poidan armar sobre a telemática: a tecnoloxía que nos facilita unha boa vida analóxica sobre procesamentos dixitais, propios das máquinas.