Ídolos usados

OPINIÓN

Henry Romero | Reuters

11 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días vin o documental The Last Dance, que percorre a historia dun dos ídolos deportivos máis importantes e mediáticos de todos os tempos, Michael Jordan, obsesionado coa vitoria na cancha de baloncesto e tamén en calquera xogo en que se puidese apostar: golf, cartas ou ruleta no casino. Hai un momento na película en que o expresidente Obama fala da decepción que supuxo para el que Jordan non apoiase a campaña dun candidato demócrata negro ao senado en 1990, escudándose naquela famosa frase de que os republicanos tamén mercaban zapatillas, unha opinión que quedou para a historia e, dalgún xeito, o baixou dese ceo en que estaban outras estrelas máis comprometidas coma Muhammad Alí. Coincidiu a visión deste documental coas críticas que Rafa Nadal lle fixo á falta de previsión do Goberno nun tema tan complexo coma o da xestión da pandemia. A cousa non tería maior importancia se as palabras non viñesen do maior ídolo do deporte español, que tamén é un exemplo de superación e competitividade. Efectivamente, os ídolos son usados, e neste caso non ía ser menos porque todos aqueles que critican a xestión do Executivo sentíronse representados polas palabras de Nadal, que transcenden pola súa influencia nos medios, pero que non son transcendentes porque só se trata da opinión dun tenista xenial, cun currículo deportivo irreprochable. Máis nada. E aínda que teñamos as nosas críticas para o Goberno, deberiamos poñer más creto en persoas que deixaron os ollos na facultade e nos laboratorios que en alguén que, por moito sentido común que teña e nos dese tantas alegrías deportivas, pasou toda vida xogando ao tenis ou a Play. Se nos abandeiramos nel como analista, o único que faremos é cortarlle un pouco os pés ao ídolo.