Pais dos nosos pais

Cristina Sánchez-Andrade
Cristina Sánchez-Andrade ALGUIEN BAJO LOS PÁRPADOS

OPINIÓN

20 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Viven no ventre da balea. Levámoslles leite, pan, un selo, unha lámpada, ás veces o que sobrou da nosa propia comida: un anaco de polo asado, un filete, lentellas nun táper. Entramos con luvas e máscara e sentamos lonxe. Nada de bicos, nin de apertas. Como estás? Abúrreste? Funciónache por fin a televisión? Nunca antes debruzou o medo nos seus ollos coma hoxe. Nunca lles vimos tan desvalidos, tan dispostos a obedecer, tan encollidos e pequeniños, como se de socato fosen nenos.

No ventre da balea o tempo é estanco, non vai frío, nin calor. Pero eles («os vulnerábeis», chamámoslle agora) din que cando saian, «se é que dan saído algún día», xa non serán os mesmos. Coñeceron a guerra e a fame (por algún motivo, falan moito diso agora), mais pregúntanse como será ese novo mundo que se desprega devagariño tras a xanela. Desde dentro parécelles frío, aparatoso, unha trapallada! Entretéñense escollendo fotos, procurando cartas, ordenando un armario. Pouco a pouco vailles gañando a certeza de que a súa vida xa non se define por esas actividades que exercían fora, senón máis ben polas lembranzas que fican dentro. Ao abrigo dos tremendos acontecementos, xa non lles apetece saír.

Somos os seus cociñeiros, o mozo dos recados, o reparador de móbiles, o electricista, o enfermeiro: pais dos nosos pais. No entanto, non nos importa, prácenos selo, porque por moito que lles demos sabemos que endexamais seremos capaces de devolverlles o que eles nos deron. Abrígate, non vaias descalzo, ten sentidiño e non se che pase pola cabeza saír. Resoan aquelas frases, as mesmas que eles nos dicían (como as odiabamos!) cando eramos cativos, e nunca como agora dámonos conta de que amar é fundamentalmente dar, non recibir. Ou, como dicían os Beatles: In the end, the love you take is equal to the love you make.