Pactar co inimigo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran a novela de H. G. Wells A guerra dos mundos, levada ao cinema entre outros por Spielberg? Lembran aqueles todopoderosos extraterrestres que acabaron vencidos polas bacterias do planeta que tentaban conquistar? A situación ten similitudes co que nos está sucedendo.

A maior diferenza é que nin o covid-19 nin os seres humanos somos extraterrestres: ambos compartimos o planeta Terra, pódese dicir que somos veciños e que as nosas relacións se foron deteriorando ata chegar ao que agora vivimos. Durante moito tempo convivimos cos coronavirus. Segundo os expertos, eles vivían nos corpos dos morcegos e máis tarde, talvez por necesidade, ou polo pracer de conquistar novos espazos, igual que facemos nós cando lle roubamos terreo ao mar ou aos leitos dos ríos, pasáronse aos pangolíns e, probablemente, a outros animais salvaxes. Ese era o seu territorio.

O problema é que os humanos non o respectamos. Comportámonos como conquistadores. A algúns a carne do pangolín parécelles deliciosa, e para outros as cunchas da súa pel son un produto moi estimado para fabricar obxectos de adorno. E os virus decidiron que chegara o momento de dar o salto cara a esa especie que lles estaba arrebatando o seu espazo.

Agora non nos queda máis remedio que atopar unha vacina, unha arma, que os manteña baixo control, pero a longo prazo o máis intelixente é pactar , ou sexa, atopar un modo non agresivo de convivencia. A solución terá que atopala a ecoloxía, esa rama da bioloxía que estuda as relacións dos seres vivos entre si e co medio en que viven.