De Castelao a Smith

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Óscar J.Barroso | Europa Press

29 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende pequena houbo unha frase de Castelao que me quedou gravada. Dicía algo así como «fíxenme médico por amor ao meu pai, non exerzo a profesión por amor á humanidade». O seu amor á humanidade é o que define toda a súa vida, a súa obra, a súa arte, o seu pensamento. Castelao traballou para o seu pobo desde o coñecemento interno do mesmo, unha conciencia que situaba a nosa nación dentro de España, un estado cunha realidade plurinacional. 

Solicitaba para Galicia a súa autodeterminación, rexeitando expresamente as reivindicacións nacionais excluíntes baseadas na raza ou no separatismo. O que buscaba Castelao era integrarnos dentro do mundo.

Calquera que faga unha mínima pescuda sobre o escritor e político, atopará isto que expoño sen dificultade. É por iso que non entendo que o secretario xeral dun partido político con considerable representación se chante no medio de Galicia para chamar racista, antiespañol e xenófobo a alguén coma Castelao. Ou si: non sabe nin quen é el nin quen somos nós, descoñece a historia e a idiosincrasia.

O problema non é que unha persoa diga estas cousas, senón que haxa quen o crea. E isto é produto dun autoodio e ignorancia brutais con respecto ao propio, froito de inocular este rexeitamento nos galegos.

Esta foi a Galicia que creamos, a que agora temos. Queremos seguir por este camiño? Ollo cos políticos que eliximos. De Castelao a Smith hai un mundo que vai do respecto ao insulto, do tempo de sachar ao tempo de segar.

Pensemos: nós que queremos sementar?