Souben que as patrias teñen muros cando, de rapaz, lin nun soneto de Quevedo o verso que dá título a este artigo. Moitos anos despois, en 1992, na película Algúns homes bos, oín falar ao coronel Nathan R. Jessep (Jack Nicholson) dos muros das patrias en resposta ao tenente Daniel Kaffe (Tom Cruise), que lle preguntaba, teimudamente, se ordenara o código roxo, causa da morte dun soldado: «Vivimos nun mundo que ten muros e eses muros teñen que estar vixiados por homes armados. Ti, cando estás de leria cos amigachos, quéresme no muro. Necesítasme no muro. Déitaste baixo a manta da liberdade que eu che proporciono e despois cuestionas o xeito en que cha proporciono».
«Os muros» pasaran de recurso poético con Quevedo a recurso político co coronel Jesseps, e o que dixo é certo: necesitamos militares, policías, empresas de seguridade que vixíen e defendan os muros da sociedade; o que non necesitamos é vixiantes coma o coronel Jesseps, nin códigos roxos que lles permitan actuar á marxe da lei e da ética.
O vídeo dos últimos nove minutos da agonía de George Floyd, o pasado 25 de maio, en Mineápolis, derrubado no chan por catro policías que fican impasíbeis ante a súa asfixia e a das persoas que os advirten de que o detido sangra polo nariz e perdeu o coñecemento, demostran que o coronel Jessep non é un personaxe de ficción e estaba en todos eles. Os catro foron expulsados da policía e o que mantivo o xeonllo no colo da vítima está no cárcere, acusado de asasinato.
Pero eu mirara os muros da patria miña un mes antes e vira, abraiado, avergoñado e irado, outro vídeo no que policías da Ertzaintza deteñen e golpean nun barrio de Bilbao a un mozo marroquí con problemas mentais e á súa nai, cando tentaba explicarlles a deficiencia do rapaz e pedíalles que a levasen tamén a ela. Un ertzaina que tira da porra coa rapidez que sacaban o revólver os pistoleiros do oeste americano, zorregoulle coa mesma saña que o fixera co fillo e deixouna K.O. Ao final fíxose o que a pobre muller pedía e leváronos aos dous. Iso si, con gran despregue de coches, que ata seis apareceron para deter a un rapaz tolo e unha nai angustiada.
No Goberno vasco din que está en marcha unha investigación, pero, se é certo, non verán códigos roxos por ningures e todo quedará en nada.
En nada quedaría a morte de Iliass Tahiri, de 18 anos, o 1 de xullo de 2019, nun centro de menores infractores de Almería, despois que seis vixiantes de seguridade o inmobilizasen boca abaixo e perdese o coñecemento. É o que se chama «suxeición mecánica» e só nos centros de menores de Andalucía se practica unha media de 180 ao ano. A xuíza e o forense determinaron que foi unha «morte violenta accidental», pero o fiscal reclamou a reapertura do caso e Iliass volveu á actualidade. En nada quedou a morte, en 2011, de Ramón Barrios, doutro rapaz conflitivo, nun centro de menores de Madrid, cando vixiantes da mesma empresa o inmovilizaron coa mesma técnica.
O Defensor do Pobo pediu a Xustiza que a desautorice de contado, e fixo ben. Nesta patria nosa non pode haber máis «mortos de terceira».