Un dos obsequios do verán é a contemplación de películas do Oeste. Con el. Senta no sofá da esquerda. Antes de que eu abra a boca e mentres se anuncia tecnicolor na pantalla, pronuncia o título da peza: Un dólar de recompensa, por exemplo. O meu primo Gerardo é especialista en filmes rodados no deserto de Almería, principalmente os de indios (Jerónimo, Toro Sentado, Caballo Loco). Os actores son para el obxectos de estudo. Non importa que os confunda. Non é a primeira vez que busco en Google algún dos seus protagonistas, Giorgio Binarello, e non aparece nada. Daquela emite unha frase que proclamou en varias sesións: «nesta película Giorgio traballaba con outro nome». Afirma coñecer a varios actores italianos que daquela ganaban a vida nos platós españois. Os favoritos son Giorgio e Fabio e Sofía. Os apelidos intercámbiaos ao seu gusto. Sempre vemos as películas a unha hora intempestiva para o meu primo, as cinco da tarde. Apoia a cabeza no respaldo do sofá, a man dereita na cara, e paseniñamente vai inclinando o eixe do corpo ata que entoa unha cantinela grave que envolve o salón nun sereno bruar. Nunca di que dorme. En ningún momento. Eu grito: «agora non ten balas» e el responde: «aínda lle queda unha». «Estabas durmido, Gerardo». Contesta: «mentira!» E segue a película. Porén, hai momentos en que a somnolencia non permite o claro pensamento. Daquela, o Gerardo comeza un recital de frases admirables. A última foi nunha de indios. Eu dixen que non eran bos actores. El contestou: «xa non quedan indios como os de antes, como Toro Loco». «Toro Loco?», preguntei con estrañeza. «Toro Loco e Caballo Sentado, foron os mellores, neno». E segue a durmir, placidamente.