O home máis querido en Galicia

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado sábado, na inauguración do Museo Isaac Díaz Pardo no Castelo de Santa Cruz de Mera, en Oleiros, alguén falou de Isaac como «o home máis querido en Galicia» e estou certo de que falou ben. Querer ao home Isaac Díaz Pardo era tan doado como admirar ao creador xenial que foi, porque un e outro actuaron baixo o mesmo imperativo ético: a procura dunha Galicia conscientemente galega e a lealdade aos inmolados e mortos no exilio por defendela. 

Chamo a Isaac «creador xenial» porque, por talento artístico e personalidade, supera os límites de canto podo imaxinar. Aos 28 anos triunfara como pintor en Barcelona, Madrid, A Coruña e Londres, e tiña ao seu dispor as mellores galerías do mundo; pero deixou de pintar e fíxose ceramista. Nunca explicou as razóns, pero puideron ser tres: entender que a súa pintura, malia a incuestionable calidade, non estaba no movemento renovador da arte galega, iniciado tres décadas antes; mala conciencia por facer arte que so podía adquirir a burguesía; e saber que pensaban nel para participar na decoración do Val dos Caídos.

Crea, entón, a fábrica de cerámicas de O Castro, en Sada, e, como no mercado non hai a maquinaria axeitada, invéntaa e constrúea. É pintor, deseñador, ceramista, arquitecto e enxeñeiro. Vinte anos despois empezará a funcionar a fábrica de Sargadelos e fará infinitas xestións para dispoñer dunha parte do caolín que explotan empresas alemás; pero conségueo e tamén que o complexo industrial creado polo marqués de Sargadelos sexa declarado «conxunto histórico artístico». Cun deseño que harmoniza tradición e modernidade, Sargadelos acada prestixio no mundo.

Como non admirar a Isaac? Como non querelo, se era cordial, humilde e estoico? Non lle interesaba a gloria, nin o poder, nin o diñeiro. Gustáballe crear e rir cos amigos. Ría a gargalladas, pero sempre me pareceu ver unha sombra de tristura no seu rir. Era unha risa con puntos suspensivos. Souben que estaba no certo cando, en conversa con Enrique Beotas, ao falar da represión franquista na Guerra Civil, dixo: «Foi demasiado sufrimento para demasiada xente, e ese penar acompáñanos toda a vida».

Porén, Isaac era home de finísimo humor, de aí que se definise politicamente como «conservador libertario» e reducise o seu facer social a labor de «templagaitas e limpamerdas». Iso permitiulle dicir o que quixo, contra corrente en moitas ocasións. Cumpría conservar a memoria histórica e para facelo creou Ediciós do Castro e publicou máis de douscentos libros; pero consideraba un enorme erro «reflotar as vinganzas». Da Transición afirmou que non había máis solución que a do rei Juan Carlos e que unha república federal era inviable. Nos artigos publicados na Voz criticou folgas, defendeu a xestión de Fraga como presidente da Xunta; ao seu amigo Alfonso Guerra cando se descubriron os negocios do irmán, que o obrigarían a dimitir; e varias veces a Carmen Polo de Franco. A última o 6 de febreiro de 1988, cando morreu. Aquela noite Isaac apareceu no último informativo de TVE para exculpala das accións do Caudillo. Seguro que tiña motivos e actuou ao ditado da conciencia, pero só el podía facelo sen recibir unha crítica; porque era o home máis querido en Galicia.