
José Antonio Durán foi historiador pero gustaba de titular Crónicas os seus traballos. Ademais de historiador foi moitas outras cousas e sempre un emprendedor do coñecemento do pasado e dos formatos para divulgalo. Empezou co libro e rematou co blog, pasando polo vídeo e os artigos de xornal. As súas Historias con data para a TV foron do mellor que nunca se fixo. Tamén foi durante unha longa época un activísimo colaborador deste xornal. Castelao, o agrarismo, as xenealoxías das elites políticas galegas e a historia do xornalismo galego foron algúns dos campos que traballou. Sabíao todo, literalmente, dos últimos dous séculos deste país. Finou hai uns días pero quédanos unha inmensa obra que axuda a iluminar o coñecemento do pasado sen prexuízos.
De todos os seus traballos, que foron moitos, o que sempre me pareceu máis decisivo foi El problema agrario de Galicia, publicado en 1981 naquela magnífica revista do Ministerio de Agricultura que se chamou Agricultura y Sociedad. Durán tiña moi boa man para os títulos e os subtítulos. O mellor daquel traballo foi precisamente o subtítulo: Otro proceso de cambio por derribo que o dicía todo. Grandísimo coñecedor do pasado, neste traballo que case ten catro décadas viña explicar que o mundo rural galego no se merecía aquel presente desenrolista e destrutivo que se lle estaba facendo dende vinte anos antes. Foi dos primeiros en entender que o pasado contemporáneo do mundo rural galego -que el tan ben coñecía- merecía e debía aspirar a outro presente, coherente coa capacidade emprendedora que a sociedade rural despregara antes da Guerra Civil. Progresista e amigo do cambio foi dos primeiros en recoñecer e explicar coherentemente que o mundo rural galego non estaba a desenvolverse senón a ser destruído. Fíxoo cando case ninguén o vía, cando as concentracións parcelarias, a obsesiva redimensión das explotacións ou a substitución do esterco e o alimento producido na casa por insumos mercados fora da explotación eran a folla de ruta inconfundible dun presente cheo de montes que arden e explotacións gandeiras insustentables sen terra.
Poucos coma el entenderon a forza creativa do rural galego e como a cidade nunca puido entenderse aquí sen o rural. Cando nos descubría ao primeiro Castelao, a Portela Valladares ou a Valeriano Villanueva amosábanos un país de labregos hoxe desaparecido pero que aínda seguía a resistir mentres el escribía as súas obras máis senlleiras. Foi un mestre para moitos historiadores mozos e un amigo sempre disposto a colaborar. A terra seralle lene e a memoria fecunda.