Nosotros tenemos a nuestra Messi, con el mismo acento, siendo la mejor y la que más goles va a marcar en esto de la política». Proclamouno Pablo Casado en marzo de 2019, cando recuperou a Cayetana Álvarez de Toledo para o PP despois do tempo que pasou afastada do partido polo menosprezo que sentía por Rajoy; un apoucado sen madeira de líder. Cayetana volveu e, coma Messi, ofreceu caneos inimaxinábeis: «Vox no es un partido de derechas. Se parece más a la izquierda». «¿Por qué se aceptan ruedas de prensa para Sánchez y Junqueras, y no para los presos por violación?» Luciu a balón parado, chamando franquista a Pedro Sánchez porque todo o seu proxecto político consistía en sacar a Franco do Val dos Caídos; e na área pequena, afirmando que o procés é máis grave ca o 23-F. Para que ninguén se trabucase con ela, deixou clara a súa vocación de atacante: «No sé qué es eso de la moderación». Pablo, engaiolado, ría de orella a orella. Tan satisfeito estaba, que o 30 de xullo nomeouna portavoz do partido no Congreso e pediulle que exercese coa máxima liberdade, mesmo criticándoo a el, se lle parecese necesario.
Cayetana fíxoo e o seu xogo no Congreso e nos medios de comunicación foi tan imprevisible coma o de Messi no campo. Opinou de todo, dixo o que lle deu a gaña e chutou contra todas as porterías, incluída a súa. No PP vasco provocou infartos cando nunha emisora de radio criticou «su tibieza con el nacionalismo del PNV». O presidente do partido en Gipuzkoa respondeulle, irado, que «mientras algunas caminaban cómodamente sobre mullidas moquetas, nosotros nos jugábamos la vida defendiendo aquí la Constitución y la convivencia». Cayetana nin pestanexou. Decatárase de que na política española tiña unha misión redentora que cumprir: abrir o PP a todo o constitucionalismo; acoller a Ciudadanos, a Vox, a Rosa Díez…
Recordoume o Xerardo Fernández Albor, presidente do primeiro Goberno galego, cando en 1984 citou no seu despacho a Carlos Casares e Alfredo Conde, deputados do PSOE, e propúxolles ser candidatos co PP nas próximas eleccións para nomealos conselleiros e crear un goberno verdadeiramente galeguista. Costou facerlle entender que non podía ser.
O pasado 27 de maio, o Congreso foi, unha vez máis, a feira das vaidades. Pablo Iglesias quixo mollarlle a orella a Cayetana recordándolle a súa condición de aristócrata, e Cayetana espetoulle: «Usted es el hijo de un terrorista. A esa aristocracia pertenece usted. A la del crimen político». A Casado e toda a bancada do PP pareceulles unha xenialidade comparable aos mellores goles de Messi e recibírona con risas, aplausos e parabéns. A Núñez Feijoo pareceulle un desatino e pediu que non se repetisen eses espectáculos parlamentarios. Cayetana respondeu que tampouco a ela lle gustaban certas cousas de Feijoo e non foi invitada a participar na campaña das eleccións galegas. Nos últimos meses falaba Casado e Cayetana facíalle o mesmo caso que Messi a Quique Setién. Destituiuna o 17 de agosto e -quen o diría!- pode saír do PP como Messi do Barça: pola porta de atrás. Messi coas orellas gachas; Cayetana coa cabeza alta, moi alta. Iso sempre.