Sentenza histórica en Meirás

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

08 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Gañou a xustiza democrática na letra dunha xuíza que empeza coa verdade espida a descrición dos «Feitos. Primeiro: o 29 de setembro de 1936, os militares sublevados que integraban a Junta de Defensa Nacional nomean ao xeneral Francisco Franco como xefe do Goberno do Estado español e xeneralísimo das forzas nacionais de terra, mar e aire. Dito nomeamento publicouse no Boletín Oficial de la Junta de Defensa Nacional o 30 de setembro e no Boletín Oficial del Estado (nova denominación a partir do 2 de outubro do diario oficial do bando sublevado) do 6 de outubro de 1936». A verdade máis simple tamén é a máis difícil e reveladora; a partir dese fundamento o resto das 390 páxinas desta xoia son doadas. A sentenza é histórica porque supón un triunfo do traballo dos historiadores e do Estado de dereito contra un estado sen dereito. E porque levou tempo.

A hemeroteca dixital deste xornal contén as probas das reclamacións dos demócratas dende a Transición pedindo a devolución. Fundamental foi a declaración de BIC pola consellería de Ánxela Bugallo para abrir Meirás ao público no 2008, recorrendo aos tribunais, despois de anos de traballo teimudo de Carlos Babío e outros veciños e alcaldes de Sada. A forma definitiva da reclamación levada pola Avogacía do Estado con evidente pericia apoiouse nos traballos dunha comisión formada, a instancias dun acordo parlamentario de agosto do 2017 fraguado con intelixencia política e baseado nunha cultura democrática sen lastres, por uns voceiros cuxos nomes lembrarán ben os cronistas parlamentarios. Un bo equipo de historiadores e xuristas universitarios traballou así co impulso político de Administracións gobernadas por catro partidos: PP na Xunta e Parlamento, PSOE no Estado e na Deputación, BNG na Deputación e as mareas nos concellos da Coruña e Sada. Un triunfo institucional galego que tamén é histórico, pois, cando quere, Galicia existe.

A granxa de Meirás de Pardo Bazán que a súa filla Emilia converteu en torres e un golpista ditador en pazo é tan pública como o palacio do Pardo. Os que fixeron a Transición reivindican a experiencia propia para entender o pasado e pode servir, si, pero a condición de querer lembralo e sabelo todo. En agosto de 1974, con 13 anos, eu era un frecha da Organización Juvenil Española -pese ás retesías familiares- que foi levado con todos os demais do campamento de Gandarío a cubrir a carreira do caudillo na súa chegada a Meirás. A comitiva pasou tan axiña que só albisquei as testas louras das fillas dos príncipes. Todo ao servizo daquel Estado.